SanidadeÚltima hora

O Colexio Oficial de Médicos recibe aos novos MIR

Case unha trintena de novos médicos realizarán a súa residencia no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e nos Centros de Saúde da provincia
Foto de grupo tras a entrega dos carnés. // Foto: Carlos Asensio. 

Unha nova fornada de médicos residentes chega a Ourense. Case unha trintena de rapaces e rapazas arrancan os seu primeiro ano de MIR no CHUO e nos Centros de Saúde da provincia e hoxe, 25 de maio, foron recibidos no Colexio Oficial de Médicos de Ourense. Nun acto presentado polo presidente da entidade, José Luis Jiménez, estes novos médicos recibiron os seus carnés de asociados á entidade “encargada de certificar que os que din ser médicos o son e que a práctica da medicina roce a excelencia”, explicoulles o presidente. Para romper o xeo, Jiménez díxolles que hoxe era un día feliz “xa mañá non porque seica xa os puxeron as gardas”, bromeou.

Medicina Interna, Psiquiatría, Traumatoloxía, Xinecoloxía, Atención Primaria, Anestesia e Reanimación, son algunhas das especialidades que estes MIR cursarán durante os seus anos de residencia no CHUO, “un hospital mediano, que non mediocre, cun ambiente moi bo”, aseverou voceiro de formación do Colexio e recén saído da súa residencia, Pablo López. O presidente, José Luis Jiménez, explicoulles polo miúdo as actividades que leva a cabo o Colexio Oficial de Médicos de Ourense durante o ano e recibiu a estes novos doutores e doutoras cos brazos abertos: “benvidos á vosa casa”, dixo. Tamén recomendoulles que, na súa rotación externa, “escollades un hospital do estranxeiro, porque hai que coñecer como funciona a medicina no mundo”.

 

José Manuel Bendaña (Secretario), José Luir Jiménez (Presidente) e Pablo López (voceiro de Formación), presidiron o acto. // Foto: Carlos Asensio. 

Así é todo, esta trintena de novos médicos pasarán moito tempo dentro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e nos Centros de Saúde da provincia: “veredes como se vai converter na vosa casa” díxolles Pablo López. Pola súa banda, o secretario do Colexio, José Manuel Bendaña, deulles un consello final: “na vosa vida profesional, cando teñades que atender a un compañeiro, lembrade que todos podemos ser pacientes, porque os médicos tamén enfermamos”. Isto véu a conto xa que o Colexio ofrece apoio psicolóxico e tratamento aos médicos que o precisen.

No acto estiveron presentes varios membros da Xunta Directiva da entidade e algún que outro membro da Comisión Deontolóxica. Unha vez rematou o acto de presentación, os MIR recolleron un por un os seus carnés de colexiados.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button