En portadaÚltima hora

O comercio da Rúa celebra este venres a III Noite dos Descontos

O grupo musical Pándega súmase á campaña na que este ano participan dez establecementos
Presentación da campaña no Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

Por terceiro ano consecutivo AEVA organiza, en colaboración co Concello da Rúa a Noite dos Descontos, unha iniciativa de promoción de vendas “convinando unha noite de compras e lecer animando aos veciños a saír ás rúas atraídos polas promocións nos establecementos e gozando coas actividades que temos programadas”. Así presentaban a campaña na tarde do 24 de maio no Salón de Plenos do Concello rues, nun acto ao que asistiron a xerente de AEVA, Luisa López, a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, e varias representantes do sector comercio rues: Amalia de Fíos, Susana de Cool Balea, Neleta de Confecciones Mondelo e Virginia de Perfumería Compostela.

A III Noite dos Descontos desenvolverase este venres 26 de maio de oito da tarde a doce da noite e participarán dez comercios, un máis que o ano pasado (Deportes Aris, Confecciones Rosendo, Perfumería Compostela, Mercería Raquel, Cool Balea, Tri-Sport, Confecciones Mondelo, Okre, Fios e Arnaveca Comunicación) que ofrecerán artigos de tempada a prezos rebaixados e degustacións aos clientes que acudan aos locais, cunha decoración específica para a ocasión: unha alfombra na beirarrúa, faroliños e globos nas fachadas. A animación musical correrá por conta da Banda de Gaitas Abertal que percorrerá as rúas da vila cos seus sons tradicionais, e tamén do grupo Pándega que se suma este ano á iniciativa.

Dende a asociación de empresarios agardan que esta edición da noite sexa polo menos tan exitosa como as anteriores, asegurando que adiantaron a data con respecto aos outros anos “para que non coincida con outras actividades que hai en xuño como a Feira de 1812 en Petín ou o San Antonio en Fontei”. A alcaldesa da Rúa, pola súa banda, asegurou estar “encantada de colaborar un ano máis con esta actividade xa que ao noso modo de ver, o sector comercio é un dos principais motores dinamizadores da economía local, pero tamén un dinamizador social”. O comercio “crea vida, porque é doado mercar por Internet ou en grandes superficies pero o comercio local ten unhas características que e o que se pretende destacar con este tipo de actividades que os outros non teñen: proximidade e trato diferenciado”, di María, animando á xente a que se una a esta campaña. “Que saian á rúa, que merquen e fagan pobo”.

 

Amalia de Fíos, Susana de Cool Balea, Neleta de Confecciones Mondelo, a alcaldesa María G. Albert, Luisa López de AEVA e Virginia de Perfumería Compostela. /Foto: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button