OurenseÚltima hora

O Concello adxudica máis de 200.000 euros en axudas a libros, material e comedor para o próximo curso

A Xunta de Goberno Local declarou nula a proposta de levar ao Consello Consultivo a nova concesión de “La Central” por “un erro adminsitrativo”
Jesús Vázquez na rolda de prensa da Xunta de Goberno Local // Foto: Carlos Asensio.

Como cada xoves, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local do Concello. Entre o acordado, hai que salientar o apartado de Asuntos Sociais, xa que esta concellería vén de aprobar a convocatoria de axudas para libros de texto, material escolar e comedor para o vindeiro curso 2017-2018.

Segundo o rexedor municipal, “é a vontade deste goberno ningunha familia necesitada quede sen axudas”, e por iso dedicarán un total de 243.384,47 euros, “a mesma cantidade ca o ano pasado”, explicou Vázquez, que desglosou as cantidades destinadas a cada función, quedando do seguinte xeito: 20.000 euros de importe máximo serán para axudas de libros de texto e material escolar; as axudas para comedor escolar terán un importe máximo de 67.005 euros para o ano 2017 e un importe máximo de 156.343 para o 2018.

As bases foron xa publicadas o 15 de abril no Boletín Oficial da Provincia e logo a Xunta de Goberno Local aprobou a convocatoria, que tamén se publicará no BOP. Cando devandita convocatoria sexa pública, “abrirase un prazo de presentación para que todos os interesados poidan optar ás axudas”, explicou o rexedor municipal.

Xa fóra da orde do día da Xunta de Goberno, o alcalde explicou que deron conta do estado no que se atopa o Programa de Vivendas Baleiras, “promovido pola Xunta e FEGAMP e ao que o Concello de Ourense foi o primeiro en adherirse”, explicou Vázquez, que tamén dixo que “garantir o acceso á vivenda ás familias máis desfavorecidas é outra das prioridades deste Goberno”.

O rexedor anunciou que, tras o primeiro convenio asinado con esas catro vivendas, “fíxose xa a varemación de solicitudes e as primeiras adxudicacións de beneficiarios”, e quedou unha lista de persoas na reserva para cada unha das vivendas. En total, foron case 50 os demandantes de vivendas baleiras rexistrados.

Neste senso, Jesús Vázquez, fixo un chamamento aos propietarios de vivendas baleiras para que as inclúan no programa e anunciou que neste mes a Xunta ten previsto sacar subvencións dirixidas a eses propietarios que estean en proceso de incorporar a súa vivenda ao programa “e que teñan que facer algunha reforma ou rehabilitación recollidas no informe municipal”, dixo.

Finalmente, no eido da Contratación, acordaron o pago á empresa redactora do PXOM -87.120 euros IVE incluído- polos traballos de adaptación do novo documento ás novas normativas, entre elas á nova Lei do Solo. O contrato foi asinado o 23 de decembro de 2008. Ao adaptar o documento permitirá poñelo á disposición dos partidos e poder traballar sobre el para levar a cabo a aprobación dese PXOM, “un paso que todos esperabamos con inquedanza e hoxe damos ese paso esperando a ter pronto a ter ese documento e proceder o diágolo cos partidos para aprobar ese PXOM, entendendo que é algo de importancia para a cidade”, dixo.

Resolución de “La Central”

Un dos puntos quentes da actualidade municipal é a concesión da Cafetería “La Central”, situada na base da torre, fronte ao parque San Lázaro, que ten como socia á muller do presidente da Deputación, José Manuel Baltar. “Acordamos a nulidade do acordo da Xunta de Goberno Local do pasado 21 de abril, onde aprobamos levar ao Consello Consultivo a proposta de resolución da concesión”, explicou Jesús Vázquez.

Esa nulidade debeuse, asegurou, a un “erro administrativo do Concello, xa que non se tiveron en conta uns escritos de alegacións presentados pola empresa, feito do que tiven coñecemento este martes”, reiterou. O rexedor asegurou que “dado que este tipo de procedementos teñen un prazo de 3 meses e este expirou o 26 de abril, declarouse a caducidade do mesmo e ordenouse volver a reinicialo”. Ao mesmo tempo abrirán un procedemento “para depurar responsabilidades nese erro administrativo”, dixo.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button