ConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa fai pública a súa negativa situación económica

A entidade local ten unha débeda de máis de 4 millóns de euros e non cumpre cos requisitos de déficit
O equipo de goberno do Concello da Rúa, na rolda de prensa. /Foto: Carlos G. Hervella.
O equipo de goberno do Concello da Rúa, na rolda de prensa. /Foto: Carlos G. Hervella.

Na liquidación dos orzamentos de entidades locais que vén de aprobar o Ministerio de Facenda, hai unha serie de concellos en Galicia que non cumpren cos requisitos de déficit, na provincia de Ourense son tres e un deles é o da Rúa. Con esta afirmación, a alcaldesa, María González Albert comezaba a rolda de prensa xunto ao resto do equipo de goberno, para informar sobre a situación económica do Concello.

“Na liquidación do 2014 o Partido Popular deixou un saldo negativo de 400.879,05 euros (remanente de tesoureiría de saldo negativo de 272.000 aprox. e un recoñecemento extraxudicial de crédito de 121.429,17), un déficit que contempla o Ministerio polo que nos obriga a facer un plan económico financieiro para os próximos orzamentos, o que vai condicionar os gastos a tódolos niveis porque temos que incluír eses 400.000 euros que temos negativos este ano e porque hai que ir sufragando a débeda de máis de 4 millóns. Temos que garantir que imos reducir ese déficit e para iso hai que reducir gasto ou aumentar ingreso ou as dúas cousas” dixo a alcaldesa.

O equipo de goberno explica que os datos económicos do Concello “son dos que se prestan a poucas interpretacións porque aquí se tirou o diñeiro como se non se acabara nunca e si se acaba e agora temos un problema para facer os orzamentos”. Segundo eses datos, como débeda recoñecida a 4 de agosto de 2015 hai 2.701.290,78 euros en préstamos, ademais doutros gastos que o Concello ten que afrontar como facturas pendentes de pago de exercicios pechados de 471.000 euros e do exercicio corrente de 175.000. A maiores, “o goberno saínte deixou moitas facturas pendentes de contabilizar entre elas o recoñecemento extraxudicial de crédito, por un importe de 355.000 euros”. E aínda hai dúas débedas máis: o canon de saneamento e a sanción imposta (279.517 euros); e o que hai co Consorcio Galego de Benestar (Galiña Azul, 298.000 euros e Centro de Día, 72.800), 380.000 euros. “Todas estas cantidades fan un total de 4.353.285 euros que ten que pagar o Concello de A Rúa entre créditos, facturas sen pagar, cánones, consorcio e demais”, asegura María, para quen isto é o resultado “dunha forma de traballar totalmente irresponsable, porque había un orzamento de 2.976.000 no 2014 que tampouco era real con partidas de ingresos infladas. Estamos case un millón e medio de débeda por riba do orzamento, o que supón unha hipoteca grandísima para A Rúa que nos vai condicionar”.

A alcaldesa da Rúa, María González Albert, durante a intervención. /Foto: Carlos G. Hervella.
A alcaldesa da Rúa, María González Albert, durante a intervención. /Foto: Carlos G. Hervella.

“A situación é grave” din dende o Concello. “Ímonos enfrontar a un 2016 realmente duro e teremos que facer un análise de gasto, priorizando porque hai unha serie de gastos aos que non podemos renunciar (no social, no mantemento da Rúa…) pero é imposible endebedarse máis e cada gasto debe ter un ingreso previo asociado. Estamos a vivir unha situación económica moi complicada que tentaremos resolver co traballo diario e dentro das posibilidades que temos, aforrando no que podamos e gastando con criterio” asegurou o socialista Luis Fernández Gudiña.

O portavoz da oposición, Avelino García Ferradal, pola súa banda, asegura que “a débeda viva do Concello cando nós entramos era de 2.300.00 euros, houbo que facer un plan de proveedores porque había 900.000 euros sen pagar máis 150.000 a Sogama, polo que se incrementou a 3.200.000 e nós deixámola en 2.800.000 (rebaixámola en 400.000 euros). Outra cousa é a débeda a outras Administracións como o canon que estaba sen pagar pero xestionámolo, o caso da gardería, o centro de día… débedas xa herdadas, arrastradas dende tempos inmemoriables que eu xa denunciei no seu momento”.

Artigos relacionados

Back to top button