SanidadeÚltima hora

O Concello de Barbadás comprométese a abrir en marzo o novo centro de saúde da Valenzá

Os responsables municipais e do Sergas reuníronse para coñecer a evolución das obras de urbanización, necesarias para pór en marcha a actividade do centro
A apertura do Centro de Saúde está pendente das actuacións municipais.

As obras do novo centro de saúde de A Valenzá están xa rematadas e o equipamento dispoñible para a súa instalación, así o informaron dende a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense. Pero para que o centro poida abrir ao público “primeiro hai que agardar ao remate das obras da urbanización, e trámites precisos para a súa apertura”, subliñaron. Estas obras son de responsabilidade municipal e os responsables do Concello de Barbadás comprometéronse, nunha reunión mantida esta mañá con representantes do Sergas que devanditas actuacións estarían rematadas no mes de marzo.

Estes responsables municipais aseguraron que terán rematados tanto os trámites como as obras de urbanización, precisas para a emisión da licenza de apertura, na primeira quincena do mes de marzo ou, no seu defecto, autorizar o inicio da actividade asistencial nesta data, para non demorar máis a posta a disposición dos veciños desta nova infraestrutura sanitaria “tan precisa para unha poboación emerxente como a da Valenzá”, sinalaron dende a Xerencia.

A reunión cos representantes municipais e visita ao novo centro de saúde da Rúa das Burgas, tivo por obxecto coordinar a apertura de devanditas instalacións e coñecer o punto no que se atopan os trámites de urbanización, que debe acometer o Concello, para programar por parte do Sergas o traslado e inicio de actividade da Atención Primaria.

A esta xuntanza asistiron a responsable da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, Eloína Núñez, a subdirectora de infraestruturas do Sergas, Cristina Enjamio e o xefe de servizo de infraestruturas, Jesús Álvarez.

Os responsables da sanidade pública destacaron a importancia da súa posta en marcha, xa que as novas instalacións cuadriplican o espazo dispoñible no actual centro, que permitirá a activación de novos servizos asistenciais.

Ampliación de persoal e servizos

Esta ampliación do espazo permitirá incrementar o persoal s servizos do novo centro de saúde, o que as limitacións de espazo actuais facían imposible até o de agora. Así, unha das principais melloras, de cara aos usuarios e profesionais, sinalan dende o Sergas, será a posta en marcha dun novo servizo de Saúde Bucodental, así como a creación de novas prazas de odontólogo, hixienista, auxiliar de clínica e persoal non sanitario.

Ademais, a Xerencia está a valorar a ampliación do servizo de medicina familiar e comunitaria cun médico e unha enfermeira máis, o que mellorará o ratio de pacientes por médico, tendo en conta as previsións de crecemento poboacional deste concello periurbano de Oruense, posibilitando unha atención máis individualizada.

Xunto a elo, a nova área de saúde materno infantil do novo centro de saúde, na planta baixa deste novo edificio, na que tamén se sitúan as consultas de pediatría, matrona e programa da muller, permitirá implementar os cursos de preparación ao parto, que disporán dunha nova área de educación maternal, cun ximnasio para a realización de obradoiros post parto.

Artigos relacionados

Back to top button