CulturaCulturaÚltima hora

O concerto de Sés pechará o II Poemagosto en Allariz

O festival de poesía, organizado pola Fundación Vicente Risco, celebrarase o 11 de outubro
A cantante galega Sés.
A cantante galega Sés.

O concerto de Sés porá o colofón ao II Poemagosto – Festival da poesía en Allariz, un amplo abano de actividades en torno á poesía e o magosto que se celebrará no casco antigo da vila e inmediacións vila alaricana o domingo 11 de outubro.

O programa arrancará ás 11:30h. coas Pandereteiras Escachaferreñas e continuará coa presentación do Nº 4 da revista poética “euOnça” (Wladimir
Vaz, editor). Tamén haberá maxia a cargo do Mago Gusi e contacontos “Manda castaña!” (Boa Maré), ademais das presentacións dos poemarios “As marxes do tempo” (Antom Laia, autor) e “Atravesar o fantasma” (Carlos Callón, autor).

En torno ás 14:30h. terá lugar un xantar (doazón mínima de 10 euros, cos tickets dispoñibles na Fundación Vicente Risco e na Libraría Aira das Letras) coa presentación de “Produtos de calidade e poesía” con Fina Rei e Alicornio. A sesión de tarde, acto central do festival arrancará ás 16:30h. co recital de poesía que contará cos poetas: Eli Ríos, Antom Laia, Teresa Ramiro, Lorena Rei, Carlos Callón,  Alfredo Ferreiro, Noelia Gómez, Virgínia do Carmo, João Madureira e Wladimir Vaz.

E xa ás 19:30h. será o concerto de Sés (entradas, 11 euros, á venda na web da Libraría Aira das Letras e na mesma libraría).

As actividades matinais e o recital de poesía celebraranse na praza de Abaixo (en caso de choiva, na praza de Abastos), mentres que o xantar será na propia Fundación e o concerto na carpa instalada no terreo contiguo ao Festival Internacional de Xardíns.

Artigos relacionados

Back to top button