ConcellosEconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O cultivo do castiñeiro de froito, analizado en Manzaneda

A charla, cunha numerosa asistencia, era impartida por un técnico da IXP Castaña de Galicia

Variedades, portaenxertos, enfermidades, poda, demouca… pero tamén produción e rendabilidade. Ao longo de case dúas horas os veciños de Manzaneda achegábanse á realidade do cultivo do castiñeiro de froito da man de Manuel Vilariño, técnico da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia. Esta conferencia, que contaba con numerosos asistentes, desenvolvíase na tarde do 12 de febreiro no salón de actos do Concello de Manzaneda.

De maneira clara, detallada, e apoiándose en diversas fotografías, Vilariño explicaba cuestións claves como a escolla de variedades segundo as características de cada zona de Galicia e o tipo de produción á hora de facer novas plantacións. “A planta é o fundamental nun proxecto dedicado ao castiñeiro e á castaña. Tamén é moi importante coñecer os ciclos do castiñeiro, as súas enfermidades e pragas. Hai que ter formación para que estas cousas se vaian facendo con criterios actualizados”, destacaba.

Referíase asemade aos principais tipos de enxertos existentes (de ensamblaxe inglés, de ferradura lateral/cadillac, de ferradura centra, etc.), así como ao xeito no que se deben poñer. Tocaba asemade temas como a poda e a demouca, así como ás principais enfermidades e as pragas que afectan a esta árbore (tanto ao seu froito como á planta), facendo especial fincapé na da avespiña do castiñeiro, xa presente en Galicia.

Asemade Vilariño explicaba o valor e importancia de contar cunha IXP da Castaña en Galicia dende o ano 2010, as funcións e accións que se desenvolven dende este órgano réctor no aspecto da investigación, na participación en proxectos europeos e na promoción do produto.

Esta charla foi organizada polo Concello de Manzaneda en colaboración coa IXP Castaña de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button