Entrevistas

“O de Ourense é un rallye rápido, con moito cambio e duro. É diferente”

O equipo de José Antonio Suárez e Cándido Carrera retirábase do Rallye de Ourense ao sufrir un accidente no tramo de Canón do Sil
Cándido Carrera, copiloto de “Cohete” Suárez ./ Foto: Carlos G. Hervella.

Unhas semanas antes da presentación oficial do 50 Rallye de Ourense, saltaba ás redes sociais a nova: José Antonio “Cohete” Suárez, inmerso no campionato europeo, correrían nas vodas de ouro da proba automobilística. Ao seu carón, o galego Cándido Carrera, celebraba poder regresar á carreira que considera “o rallye de casa”.

Fiel ao seu apelativo, José Antonio e Cándido correron e fixeron as delicias do público, ata o penúltimo tramo da carreira, a segunda pasada do Canón do Sil, un dos seus favoritos, no que sufrían un accidente (sen gravidade) que lle impedía rematar a carreira na que estaban facendo fronte ao líder, o aragonés Cristian García.

¿Como foi o regreso a Ourense?
Moi ben. Facía tempo que non corría en Galicia en asfalto e a verdade é que o de Ourense é un rallye que me trae moi bos recordos porque ganei a miña primeira copa de promoción aquí e ademáis teño moitos amigos na Escudería e na cidade e para min tamén representa un pouco o rallye de casa ao non haber o das Rías. Ademais é dos poucos aos que pode ir verme a miña familia.

¿Canto tempo levabades sen correr aquí?
A última vez foi no 2013, non fai demasiado tempo pero sempre se bota de menos tramos para pasalo ben como o Canón do Sil polo que entraña aínda que a min gústame moito Esgos. Todos me gustan, é un rallye que me gusta moito. Gustaríame que algún ano o meteran por Vilariño Frío a ver se me escoita José Ramón, pero bueno a verdade é que contento?

¿Por que decidistes volver este ano ao Rallye de Ourense?
Pois porque tiñamos un parón ata a seguinte cita do europero que é Polonia a comezos de agosto e decidiuse xunto con Daniel patroón de MMR que nos bota unha man importante (Peugeot España) facer unha proba de asfalto en España e pensamos que Ourense está moi ben e ten moitos quilómetros cronometrados e así aproveitamos para facer test. Ademais divertímonos moito.

Cándido no reagrupamento na Cidade do Transporte en San Cibrao das Viñas./ Foto: Carlos G. Hervella.

¿Que é o que máis che gusta desta proba?
Non sei, supoño que correr entre amigos. Ademais os tramos teñen algo especial. É un rallye rápico con moito cambio de drive, duro, o calor… É un rallye diferente.

¿E que che pareceron os tramos nocturnos? ¿E o feito de celebrarse en dúas xornadas?
A min moi ben. A verdade é que gustaríame que todos os rallyes tiveran tramos nocturno, penso que é algo que forma parte da conducción, de ser hábil e gustaríame que todos tiveron dous ou tres tramos de noite. Bueno, iso os que estamos correndo fóra que sempre imos dous ou tres días tampouco o notamos moito pero o feito da noite si que se bota de menos e gustoume moito cando o vin.

¿Cales son as próximas citas nas que correredes?
No europeo, Polonia, pero non sei se faremos algunha carreira máis antes porque aínda queda moito tempo. Tamén estamos facendo o campionato de terra pero o do Bierzo ao final non se fai entón toca descanso.

¿Asfalto ou terra?
Terra. É moi espectacular e dá moitas sensacións. Sensación de velocidade daa o asfalto pero a de lado e de condución a terra é preciosa.

Artigos relacionados

Back to top button