CulturaCulturaÚltima hora

O “Dedalus en Compostela” de Risco, en versión cómic

Este libro, cunha edición de mil exemplares, presentábase na mañá do 20 de abril no Centro Cultural da Deputación
O vicepresidente da Fundación Vicente Risco, o presidente da Deputación e o ilustrador Fernando Iglesias na presentación do libro en Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.
O vicepresidente da Fundación Vicente Risco, o presidente da Deputación e o ilustrador Fernando Iglesias na presentación do libro en Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

É a primeira obra en formato de banda deseñada editada pola Deputación de Ourense (en colaboración coa Fundación Vicente Risco) e “referida a un personaxe senlleiro da nosa cultura como é Vicente Risco”. Manuel Baltar, presidente desta entidade provincial, referíase con estas palabras ao libro “Dédalus en Compostela”, que vén de saír do prelo e que se presentaba na mañá do 20 de abril no Centro Cultural Marcos Válcarce de Ourense.

Baltar incidía asemade na “alianza entre a Fundación Risco e a Deputación para promover e difundir a obra deste intelectual, máis presente que nunca, porque a súa pegada está nos que seguimos afondando na nosa autonomía e na
identidade social, histórica e cultural da nosa terra”.

A historia desta obra, da que se editaron mil exemplares neste novo formato, discorre en 1926 “cando o (alter ego) de James Joyce peregrina á capital de Galicia, levado por unha forza que se asemella a ese impulso misterioso que moveu a tantas e tantos irlandeses a través dos séculos”, lembraba na presentación Baltar. O azar leva a que se atope co narrador e autor (Vicente Risco) e o paseo polas rúas máis entrañables de Compostela.

A presentación tiña lugar o 20 de abril no Centro Cultural da Deputación./ Foto: Carlos G. Hervella.
A presentación tiña lugar o 20 de abril no Centro Cultural da Deputación./ Foto: Carlos G. Hervella.

No acto tamén interviña o ilustrador do libro Fernando Iglesias, cuxo obxectivo neste proxecto “foi ser fiel ao relato de Risco, precisamente porque el é o protagonista desta narración. E proba diso é que máis do 70 por cento do texto orixinal da obra está recollido no cómic, que ten un punto fantástico porque o relato tamén o é”.

Pola súa banda, Luis Martínez-Risco, vicepresidente da Fundación Vicente Risco, amosaba o seu agradecemento á colaboración e apoio da Deputación para levar a cabo proxectos conxuntamente con esta entidade. E resaltaba que esta obra “dálle unha nova linguaxe e visibilidade a Vicente Risco para que as novas xeracións se acheguen ao autor”.

Artigos relacionados

Back to top button