DeportesÚltima hora

O Descenso do Sil, regata mellor organizada de Galicia

Este galardón vén de ser outorgado pola Federación Galega de Piragüismo, que tamén distingue a traxectoria do padexeiro barquense Jesús Rodríguez León
Participantes na pasada edición do Descenso do Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.
Participantes na pasada edición do Descenso do Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

Por partida dobre vén de ser galardoado O Barco nos “Premios Xunta Directiva Tempada 2014” que outorga a Federación Galega de Piragüismo. Por unha banda, o Descenso do Sil logra a distinción como “Mellor regata organizada”, co que se premia o esforzo organizativo do Concello e do Fluvial Barco. Nas súas 48 edicións, esta é a primeira vez que esta competición se fai con este recoñecemento.

O Descenso do Sil posúe singularidades como o feito de ser unha das dúas regatas españolas que contan cun tren fluvial. A outra é o Descenso do Sella. Destaca tamén pola seguridade que se desprega nos diferentes treitos do río Sil, un hospital de campaña que se instala nas proximidades da meta (no Malecón do Barco), ademais de ser un dos descensos de ríos que maior número de padexeiros reúne na comunidade.

Por outra banda, nesta edición a federación tamén recoñece a destacada traxectoria deportiva do padexeiro Jesús Rodríguez León, do Club Fluvial Barco, con resultados destacados en probas tan diferentes como os descensos de ríos, o kaiak de mar ou as augas bravas, modalidade na que ten representado a España en varias citas mundiais.

Membros do Club Fluvial Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Membros do Club Fluvial Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Estes premios entregaranse nunha gala que está programa para o vindeiro 13 de decembro na Coruña. Nela tamén recibirán diplomas varios piragüistas do Club Fluvial Barco que teñen participado en probas internacionais: Bernardo Sánchez Ouro, Miguel Anxo González Carrera, Francisco Vázquez Redondo e Jesús Rodríguez León.

Asemade o Club Fluvial o Barco recollerá dúas mencións: a de Campión galego de la liga de descenso de augas bravas e a de terceiro na liga provincial de piragüismo.

Artigos relacionados

Back to top button