CulturaCulturaÚltima hora

O documental “Fráxil Equilibrio” e o filme “Os Exames”, esta semana no Cineclube Padre Feijóo

Volve arrancar a semana para os cinéfilos ourensáns. O cineclube Padre Feijóo propón para o seu “Luns de Filmoteca” a ópera prima de de Guillermo García López “Fráxil Equilibrio”. Unha cinta que acadou o premio a Mellor Documental na Seminci 2016 e Goya a Mellor Documental 2016.

Este documental foi financiado, en parte, a través dunha campaña de mecenazgo e céntrase na mensaxe “sinxela humanista e universal” de José Mujica, Presidente de Uruguay entre os anos 2010 e 2015, que serve de fío condutor para unha análise social onde caben os inmigrantes subsaharianos que malviven nos bosques do Monte Gurugú atentos á valla de Melilla, os desafiuzados dunha gran capital como Madrid, que acaban vivindo na rúa, ou un executivo de Tokio que reflexiona sobre o suicidio diario de compatriotas.

A proxección será, como de costume, na Biblioteca Pública de Ourense en dous pases (20:30 e 23:00 horas). A cota da entrada é de 2 euros para asociados e 2,5 euros para o público xeral.

Xa o mércores, 29 de marzo, o Cineclube Padre Feijóo propón abandonar os malos hábitos do pasado a través da longametraxe “Os exames”, do director romanés Cristian Mingiu. E que ten como protagonista a Romeo, un médico que rolda os 50 e que deixou atrás as ilusións relacionadas co seu matrimonio, xa rematado, e a súa Romanía, destrozada polos acontecementos. Para el todo o que importa agora é a súa filla de 18 anos, cun prometedor futuro.

Tras os exames finais, a rapaza ten previsto ir estudar a unha prestixiosa escola de Inglaterra pero un estraño acontecemento cambiará o curso das cousas. Na véspera dos exames é atacada na rúa e, a partir de entón, o seu pai fará todo o posible para que iso non perturbe o destino que elixiu para a súa filla.

Nesta cinta, Mingiu presenta un conto moral onde a clase acomodada romanesa segue a ser obxectivo desa dicotomía nacional que pasa por renunciar aos modos de vida pasados, que só recordan aos maiores, ou a aceptación dunha modernidade que pasa polo abandono masivo do país en busca dunha vida mellor lonxe da patria.

A película pasarase tres veces na Biblioteca Pública de Ourense. Ás 18:00, 20:30 e 23:00 horas. A entrada terá un custo de 4 euros para asociados e 5 euros para o público xeral.

Artigos relacionados

Back to top button