CulturaCulturaEducación

O edificio de Ferro do Campus de Ourense acollerá unha xornada informativa sobre ERASMUS+

 

O programa promove a mobilidade de mozos e mozas por Europa.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, en colaboración coa Axencia Nacional do programa Erasmus+: Xuventude en Acción, desenvolverá do 2 ao 5 de maio catro xornadas informativas e formativas sobre dito programa. Esta iniciativa enmárcase na celebración da Semana Europea da Xuventude, e o obxectivo é achegar Erasmus+ e as súas distintas accións aos mozos e mozas e a entidades novas, así como compartir as experiencias daqueles que xa participaron no mesmo con anterioridade.

As xornadas contarán con dúas actividades simultáneas: talleres de difusión e asesoramento sobre o programa e unha unidade móbil informativa a pé de rúa. Estas desenvolveranse en horario de 16:30 a 20:30 horas en catro campus universitarios galegos: o martes na aula e-Terra da biblioteca intercentros do Campus de Lugo, o mércores na aula 1 do edificio Miralles do Campus de Vigo, o xoves no salón de graos da Facultade de Economía e Empresas no Campus de Elviña (A Coruña) e o venres na aula 1.5 do edificio de ferro do Campus de Ourense.

Esta iniciativa ten como destinatarios aos mozos e mozas en xeral, técnicos de xuventude, representantes e membros de asociacións xuvenís e calquera persoas interesada no programa.

O prazo de inscrición abrirase mañá luns cun total de 200 prazas, 50 por taller. A inscrición será mediante formulario electrónico dispoñible dende hoxe, 24 de abril, no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O programa europeo Erasmus+ para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, ten entre os seus obxectivos específicos mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas, promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo, a cidadanía activa, o diálogo intercultural, a inclusión social e a solidariedade. Así mesmo, busca posibilitar ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe e potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio aos mozos e mozas.

De forma xeral, poden participar estudantes, profesores, formadores, persoas que realicen prácticas profesionais ou participen en programas de educación de adultos, voluntarios/as, mozos e mozas – entre 13 e 30 anos, segundo cada acción-, e traballadores no ámbito da educación, a formación e a xuventude.

O programa fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.

Artigos relacionados

Back to top button