A promoción e a demanda do recoñecemento oficial do Camiño de Inverno a Santiago por parte das autoridades correspondentes será un dos obxectivos do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular neste ano 2015. Anunciábao o seu presidente, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, tras a reunión que a comisión executiva desta entidade transfronteiriza celebraba na mañá do 20 de xaneiro no Barco de Valdeorras. “Pensamos que o apoio ao Camiño de Inverno (que entra en Galicia pola comarca de Valdeorras) pode dar múltiples satisfaccións ao conxunto do Eixo. Queremos darlle o primeiro espaldarazo a ese camiño”, aseguraba.
Esta proposta, que resultaba aprobada por unanimidade, foi presentada polos concellos do Barco e de Monforte de Lemos á Comisión Executiva do Eixo Atlántico. Tamén saian adiante por unanimidade os outros puntos abordados na xuntanza, como é o caso do orzamento do 2015, que será de 2,6 millóns de euros, e a capitalidade cultural do Eixo para o 2016, na que se escollía a candidatura conxunta presentada polas cidades Matosinhos e Vila Real (ambas de Portugal).
No encontro tamén se abordaba o programa de actuacións para este novo exercicio, facendo referencia especial á Axenda Urbana, e realizábase un balance das actuacións do 2014. “Valoramos positivamente o cumprimento do programa, dos obxectivos propostos para ese ano”, comentaba Negreira, quen ademais amosaba o seu agradecemento ao alcalde do Barco, Alfredo García, por ter acollido este encontro da comisión executiva e expresaba o seu apoio á Festa do Botelo, que vén de ser declarada de interese turístico galego e que celebrará a súa quince edición o vindeiro 24 de xaneiro.
Pola súa banda, Alfredo García, agradecía a presenza da Comisión Executiva do Eixo Atlántico na vila, algo que “permite dar visibilidade ao Concello do Barco e á comarca de Valdeorras e darlle máis importancia á Festa do Botelo”.
Esta é a primeira Comisión Executiva do Eixo Atlántico que se celebra no Barco. “Con esta reunión, asimesmo, o Eixo Atlántico quere apoiar a celebración da Festa do Botelo e, en xeral, resaltar o dinamismo e potencialidades das cidades do interior de Galicia, entre as que destaca O Barco de Valdeorras que participa activamente no proxecto europeo Eixo Interior coa iniciativa do Centro de Produtos Tradicionais”, tal e como se sinala dende o Concello do Barco.
Texto: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil