O emprazamento do CAPD será nunha finca de 4.600 metros en Barrocás

Xunta, Concello e Deputación acordaron o emprazamento nunha xuntanza de traballo que mantiveron esta tarde en Ourense

Rosendo Fernández, Marisol Díaz, José Manuel Rey Varela e Jesús Vázquez.

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu esta tarde do 16 de febreiro en Ourense a unha xuntanza técnica para analizar o emprazamento do futuro centro terapéutico e ocupacional para a atención ás persoas con discapacidade de máis de 21 anos da provincia (CAPD). No encontro, que se desenvolveu nas dependencias da Delegación Territorial, tamén participaron o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez, a representante da Xunta na provincia, Marisol Díaz, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

O obxectivo desta xuntanza, sinalan fontes do Goberno galego, foi analizar as posibles alternativas que existen para localizar o devandito centro e dar así cumprimento á demanda dos pais e nais afectados á decisión plenaria da corporación ourensá, toda vez de que o proxecto de adaptar a antiga Escola Fogar de Mariñamansa para albergar este equipamento foi finalmente desestimado.

Logo do estudo por parte dos técnicos das administracións presentes na reunión das distintas alternativas propostas polo Concello, optouse finalmente por unha finca emprazada no barrio de Barrocás. Unha parcela de titularidade municipal de uso dotacional, de preto de 4.600 metros cadrados, duplicando deste xeito os metros inicialmente previstos. O Conselleiro subliñou que a elección deste terreos “facilitará que Ourense dispoña dun centro que resposte ás demandas expresadas polos pais e nais”.

Cómpre subliñar, tamén, que a parcela elixida cumprirá os requisitos urbanísticos precisos, cando o aprobe o pleno do Concello. O alcalde ourensán comprometeuse a someter esta modificación necesaria na próxima sesión plenaria do Consistorio da cidade, que se celebrará no mes de marzo.

Tras a xuntanza desta tarde, o responsable da área social do Goberno galego reiterou o compromiso de dotar á cidade de Ourense dun centro de atención terapéutico e ocupacional.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies