ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Entroido como tradición e como elemento turístico, a debate en Xinzo

Seis especialistas neste fenómeno cultural participaban nunha xornada organizada no Museo Galego do Entroido desta localidade

O Museo Galego do Entroido, situado na localidade ourensá de Xinzo de Limia, acollía na tarde do 3 de febreiro a I Xornada “O Entroido. A tradición”. Incluía dúas mesas redondas na que participaban seis expertos neste tema nas que participaba ademais de maneira activa o numeroso público asistente, no que estaban representados entre outros Entroidos da provincia os de Verín, Laza, Maceda, Sande, Riós, Verín, Eiroás (Ourense), Salcedo (Lugo) e, por suposto, o de Xinzo.

O acto abríase coa intervencións do alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, que aludía á importancia desta celebración e a necesidade de que perdure; así como do deputado provincial Manuel Doval quen agradecía o tremendo esforzo que fan as persoas que promoven os Entroidos, destacando a gran diversidade desta festa que existe na provincia de Ourense e aludía a necesidade de que as administracións “se coordinen e cooperen” neste tipo de cuestións.

Á apertura asistía asemade o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que aludía ao Museo Galego do Entroido como “o punto de referencia en Galicia nestes momentos” sobre esta festa e sinalaba que resulta “moi importante ter institucións da memoria social, como son os museos, pero aínda máis importante é ter portadores dun ben inmaterial como o Entroido. Portadores son aquelas persoas, entidades, asociacións, institucións, que manteñen viva unha tradición”.

De seguido dábase paso á primeira das mesas redondas, que coordinaba Iván Prado do museo, na que participaban Fátima Braña, especialista en antropoloxía social e cultural da Universidade de Vigo; César Rodríguez, membro do comité do desenvolvemento do Ben de Interese Cultural (BIC) das mascaradas de Cantabria; e o investigador António Pinelo Tiza de Bragança (Portugal), presidente da Academia Ibérica da Máscara.

Fátima Braña definía o patrimonio cultural inmaterial, formado por unha serie de bens, e explicaba de qué maneira pode ser preservado, conservado e difundido así como as figuras que existen en materia lexislativa nese senso. E plantexaba que é a comunidade que mantén o seu Entroido a que debe analizar a decidir se se encamiña pola cuestión da defensa da identidade ou do turismo. “A idea sería qué queremos facer con este ben, qué di a poboación que necesita sobre este ben, se o queremos conservar cun fío máis turístico ou cun fío máis ben educacional identitario de comunidade ou podemos facer unha mestura, un cóctel máis ou menos a medida de diferentes localizacións, de diferentes sociedades, comunidades”.

César Rodríguez aportaba a experiencia que se está a levar adiante en Cantabria para declarar cinco das súas mascaradas de inverno como BIC. “Anos atrás a xente que daquela levaba as rendas da asociación apostou pola festa de interese turístico, pero nós queremos reivindicar a figura de BIC porque se amolda e encaixa moito mellor neste tipo de ritos. Esta celebración non se ten que facer para que veña xente, a xente ten que vir porque realmente hai un sentimento e algo que aporta o núcleo social do pobo”.

Pola súa banda, António Pinelo Tiza comentaba que en Portugal non se contempla a nivel lexislativo a clasificación de BIC, pero o que si existe é a posibilidade de que “cada evento festivo relacionado coa máscara poda inscribirse no Rexistro Nacional do Patrimonio Inmaterial. Facelo implica un proceso que non é nada doado, é lento e esixe moita investigación, unha recolleita etnográfica e un estudo científico”. A partir de aí abríase un intenso e activo debate centrado principalmente no aspecto turístico fronte ao cultural e identitario do Entroido, e contemplando tamén a importancia da cultura e valor desta festa na educación.

A segunda mesa redonda, centrada na temática “Ritos e tradicións do Entroido, valorización e preservación”, tiña como relatores aos investigadores ourensáns do Entroido Federico Cocho e Xerardo Dasairas, e a Bernardo Calvo, estudoso das mascaradas de Castela e León. Tras realizar unha breve introdución sobre a súa maneira de entender, concebir a festa e percibir a súa evolución, respondían aos plantexamentos dos asistentes sobre cuestións como as orixes desta celebración.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button