En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Entroido ourensán busca ser patrimonio inmaterial da UNESCO xunto con outros carnavais peninsulares

A Deputación editou a guía “Entroidos de Ourense 2017” na que fai un compendio, por días, das celebracións nas distintas localidades

A Deputación de Ourense citou esta mañá a todos os representantes do Entroido da provincia para presentar a súa guía “Entroidos de Ourense 2017”. Un pequeno caderno que se presenta a modo de calendario onde, en cada páxina, aparece o día e os eventos máis salientables desa xornada nas diferentes localidades. Asemade, na contraportada, hai un mapa da provincia no que están reflectidos os entroidos máis característicos de Ourense, clasificados por cores segundo sexan de interese turístico nacional, galego ou tradicionais.

O goberno provincial imprimiu un total de 12.000 exemplares desta guía “que serán distribuídos polas oficinas de turismo das principais cidades galegas, e fóra de Galicia, e polos establecementos de hostalaría da nosa provincia”, explicou o presidente da Deputación, Manuel Baltar. O xefe do executivo provincial asegurou que “se hai un lugar onde o Entroido é un referente cultural e etnográfico que sobre pasa os límites xeográficos, ese é Ourense”.

Baltar informou tamén de que están a traballar para que, “en coordinación con outras festas, Entroidos ou carnavais doutros territorios, non só de España, senón tamén do norte de Portugal, para que sexa declarado patrimonio inmaterial pola UNESCO”. Segundo o presidente provincial, as administracións que colaboran están “de acordo en que encaixa perfectamente coa definición que establece este organismo” para incluílo nese catálogo xa que “é un representante da cultura dun pobo, que pasa de xeración en xeración, e forma parte da alma do pobo ourensán”, engadiu.

A esta guía súmaselle un anuncio de televisión “que se emitirá en diversas televisións locais da provincia”, dixo Baltar, no que anima a acudir aos festexos desta celebración do Entroido. Porque, segundo o presidente, “falamos do Entroido en Galicia, pero ninguén pode negar o peso evidente de Ourense dentro do entroido galego”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button