En portadaÚltima hora

O feitizo do teito galego

Trevihost deseña 4 paquetes turísticos para descubrir Trevinca
Unhas das fermosas lagoas glaciares que oden visitarse en Trevinca./ Foto: Carlos G. Hervella.

En tres recursos naturais e diferenciais porá o foco neste verán a Asociación de Hostalaría e Turismo de Trevinca-A Veiga (Trevihost): a astronomía, as aves e os bosques. Esta entidade vén de lanzar catro paquetes turísticos temáticos, o primeiro dos cales, titulado “Experiencia Starlight Trevinca. Solsticio de verán”, se desenvolvía con éxito na fin de semana do 23 ao 25 de xuño.

A seguinte proposta, que leva por título “Chíos”, fai referencia directa á riqueza ornitolóxica desta parte do oriente ourensán, que está declarada Zona de Especial Protección das Aves (ZEPA). Este paquete está programado a vindeira fin de semana do 14 ao 15 de xullo.

“O esquema é moi similar nas catro propostas. Comeza coa chegada dos visitantes ás casas rurais e cunha cea de posta en común para que coñezan ao guía e tamén para que se coñezan entre eles, xa que van a compartir as actividades. Ao día seguinte realízase unha saída relacionada coa temática do paquete ”, explica a presidenta de Trevihost, Elena Cortés.

No caso concreto de “Chíos” a saída do sábado 15 de xullo será polas lagoas glaciares de Trevinca, “unha zona na que se poden encontrar diversas aves, entre elas podería estar a águia real”, matiza Cortés. Ademais de cara ao mes de setembro preparan outros dous paquetes turísticos, desta volta centrados nos bosques de Trevinca, en concreto dos de bidueiros e acivros. Están proxectadas para as fins de semana do 8 e 9 de setembro e do 29 e 30 dese mesmo mes.

Trevihost agrupa a cinco establecementos de turismo rural do municipio da Veiga: Aira da Petada, Árbores de Lenda, Eido das Estrelas, Eido do Trisquel e O Trisquel. O pasado ano esta asociación renovaba o seu equipo directivo, que agora preside Elena Cortés. Da xunta directiva tamén forman parte Gloria Luis como secretaria e Eduardo Martín como tesoureiro.

A nova presidenta aposta por manter as liñas marcadas polo anterior mandato e destaca a importancia de seguir promocionando Trevinca como destino turístico, pero incidindo especialmente nas provincias de Lugo e Ourense. “Coñecénnos na costa, en lugares como Vigo, pero curiosamente as persoas das provincias máis próximas a nós descoñecen por completo esta zona”.

Texto: A.R.

Máis información:
http://www.trevihost.com/sp/portada/

Artigos relacionados

Back to top button