CulturaCulturaÚltima hora

O ferrolán Antonio Yáñez gaña o “Pura e Dora Vázquez” coa súa obra “Do meu nome e outras trapalladas”

O xurado argumentou que é unha obra adaptada aos tempos que corren “na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”
O xurado estivo formado por Manuel Doval, José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid e Ana María Malingre.

O xurado do XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de literatura infantil e xuvenil deu a coñecer hoxe o seu ditame en Ourense. A obra gañadora é “Do meu nome e outras trapalladas”, na modalidade de Narración, do escritor ferrolán Antonio Yáñez Casal. O premio está dotado de 1.500 euros.

O xurado reuniuse esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación. Entre os argumentos que deron para concederlle tal galardón á obra de Yáñez “pola súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”. Asemade, o xurado puxo de manifesto que a obra “ten unha gran riqueza morfolóxica, que da idea dun escritor de nivel cultural alto, e cun importante dominio da lingua, axeitándose moi ben para ser ilustrada”.

O xurado estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria Ana María Malingre.

Este equipo dixo que “Do meu nome e outras trapalladas” é un texto “cunha linguaxe directa e crítica. Unha obra de lectura sinxela, que ten moita potencialidade para achegarse aos adolescentes e gañar lectores dentro desa franxa de idade, pois reflicte ben o mundo que nos rodea”. En canto ao resto das obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou que todos os textos presentados “son de moi diversa temática e adaptados ao espírito deste premio”.

A Narrativa dará paso á Ilustración. O prazo para presentar os traballos para o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” está aberto e os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada na narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria dende hoxe ata o 31 de marzo. A esta modalidade poden concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como referencia o texto premiado de Antonio Yáñez Casal. O traballo gañador recibirá unha contía de 1.500 euros.

Artigos relacionados

Back to top button