OurenseÚltima hora

O humor de Pazos e a música de Ferreiro enchen a Praza Maior no inicio das Festas

Sergio Pazos foi o pregoeiro oficial destas Festas que fixo críticas con retranca á clase política e salientou as bondades de Ourense

A Praza Maior de Ourense foi un fervedoiro de xente nesta primeira velada das Festas de Ourense 2017. Xa dende as oito da tarde, os “fans” de Iván Ferreiro asentaron os seus campamentos improvisados nesta “Ágora” da cidade das Burgas para gozar da música do cantante vigués.

Pizza, cervexa e amigos foi todo o que os espectadores precisaron para pasar a agarda ata que saltase Ferreiro ao escenario. Pero entre ese público tamén estivo o pregoeiro oficial das Festas de Ourense 2017, Sergio Pazos. O encargado de anuncialo foi o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado de diferentes membros da Corporación Municipal. Pazos emerxeu, coma un cogomelo cando chove, de entre o público, vestido coma se fose un domador de leóns dun circo.

O humor e a retranca caracterizaron o pregón de Sergio Pazos. Arrancou animando ao público a que fixesen o amor “pero con-sen-ti-do”, dixo e asegurou que o alcalde no lle quixo a el de pregoeiro: “el prefire a mozos máis guapiños como Mario Casas sen camiseta”. Logo deulle un bo repaso aos políticos locais e provinciais: “en Ourense city pasan algúns fenómenos estranos dignos dun programa de Iker Giménz”, dixo. Entre ese fenómenos está “a estación intermodal, que seica Foster lla entregou a Calatrava e este deulla ao feo dos irmáns Calatrava, pero o que está claro é que mucho fomento y pocas nueces”.

Pero fixo un chamamento a “levarnos ben”, asegurando que sería moi bonito “ver a Martiño, Jácome, Barquero e Jesús Vázquez camiñando da man polo Paseo… a pasar las barcas me dijo el barquero”, cantou. Falou do Centro de Saúde do Couto, do Edificio Xudicial, dos bolardos, das terrazas ilegais, os “selfies do alcalde” “que os da oposición din que sempre está en-redando”, dixo con retranca e, ao final de cada unha destas críticas berraba: “pero as Burgas seguen botando auga!”.

Pero non falou de todo o malo, senón tamén do bo: “Temos aos Suaves, o OUFF, os Maios, os Magostos, a zona dos viños, o Entroido, as Termas…” e continuou enumerando até que quedou sen folgos.

Finalmente, espiuse nun abrir e pechar de ollos e apareceu cun traxe de neopreno e cunha sulfatadora deulle auga a todo o público. Tras el, foi a quenda de Iván Ferreiro que ofreceu aos máis 2.780 asistentes á Praza Maior, segundo fontes da Seguridade, un espectáculo musical sen precedentes.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button