CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O II Curso de “Música Antiga” achega 10 especialidades destas melodías

O curso celebrarase do 17 ao 21 de xullo no Centro Cultual “Marcos Valcárcel”, no Teatro Principal e no Conservatorio de Ourense
Rosendo Fernández, Purificación Iglesias, Mar Blanco e Jorge Fuentes.

A música antiga volve ás aulas e aos escenarios e faino do día 17 ao 21 de xullo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, no Teatro Principal e no Conservatorio de Música de Ourense, lugares que acollerán concertos, relatorios e clases desta vertente musical con motivo do II Curso de Música Antiga. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe, 13 de xullo, un accto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do curso, Jorge Fuentes; a directora do Conservatorio de Ourense, Purificación Iglesias; e a profesora do curso, Mar Blanco.

Este ano, o curso conta con catro novas especialidades instrumentais respecto da primeira edición, que son: violín, viola, violonchelo e gaita barroca, chegando así a estar presentes un total de 10 especialidades e de 12 profesores.

Jorge Fuentes, explicou a programación e dixo que xa están inscritas “preto de 40 persoas no curso, procedentes non só de Galicia, senón de diferentes lugares de España, aínda que incluso houbo peticións desde o estranxeiro”. De todos modos, a matrícula segue aberta até o 16 de xullo.

O curso dará comezo o día 17 de xullo, no Conservatorio de Ourense, de 10:00 a 13:00 horas para o alumnado de cordas, relatorios e obradoiro de encordado e, ás 21:00 horas, as actividades trasladaranse ao Teatro Principal co concerto de apertura a cargo de Música Aurensiana. Ao día seguinte, a sede de actividades do curso será o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación onde, ás 19:15 horas, ofrecerá Paulo Gonçalves unha conferencia sobre “Aspectos iconográficos da Gaita fole na Idade Media” e, ás 20:30 horas, será a quenda para Mar Blanco quen falará de “Retórica Musical” onde “analizarei en pezas musicais, con vídeos e audios, cómo a retórica influíu na composición musical, non soamente literaria, na música barroca e renacentista, vai ser unha conferencia que se apoiará sobre partituras e audios e para cal non se requiren coñecementos previos”, dixo Mar Blanco.

O mércores, 19 de xullo, as actividades volven ao Conservatorio, con concertos, a partir das 19:15 horas, a cargo de Eliot do Socho (clave) e despois será a quenda para Luís Martínez Pueyo ao traverso acompañado por María del Mar Blanco. Ao día seguinte, as actuacións musicais celebraranse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a partir das 20:15 horas, cun concerto cocktail de Música Aurensiana aderezado cunha cata do viño Xiana da adega Chan do Couso. Por último, o venres días 21 de xullo, terá lugar o concerto de clausura no Auditorio CMUS de Ourense, xunto coa entrega de diplomas do curso. Asemade tódolos días de 10:00 a 13:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas haberá clases das distintas especialidades no Conservatorio de Música de Ourense.

A asistencia aos concertos e aos relatorios será gratuíta.

A directora do Conservatorio de Ourense aplaudiu “a continuidade deste tipo de iniciativas que van vinculadas a unha parte do proxecto do Centro de potenciar este estilo de música, que abarca desde o ano 500 ata 1750 aproximadamente, con distintas seccións: a música medieval, renacentista e barroca”.

Pola súa parte, Rosendo Fernández salientou que este curso pretende “converter a Ourense nun referente da música antiga, aproveitando que Ourense foi a primeira cidade de Galicia en establecer un departamento de música antiga para estudos profesionais, ademais de contar cunha longa tradición en música deste tipo”.

Artigos relacionados

Back to top button