En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O impulso á autovía A-76, un dos temas da asemblea do Eixo Atlántico

Esta entidade transfronteiriza, cuxo vicepresidente é o alcalde do Barco, celebraba a súa asemblea xeral na mañá do 15 de febreiro en Lugo e inauguraba unha mostra que conmemora os seus 25 anos

Tres millóns de euros. Ese será o orzamento do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular para o 2017. Aprobábase no decurso da asemblea xeral anual desta entidade, na que participaban representantes das 38 cidades e entidades que o integran, entre as que figuran concellos como O Barco, Verín, Carballiño ou Ourense, ademais de Monforte de Lemos.

Esta xuntanza, que tiña como escenario o Museo Interactivo da Historia de Lugo, contaba coa asistencia do presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio; do vicepresidente e alcalde do Barco e presidente da Fegamp, Alfredo García, do secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, así como do secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez Pomar, xa na clausura.

Na reunión facíase un balance da xestión de 2016 e presentábanse por parte do presidente e vicepresidente as principais liñas de actuación de 2017. Por unha banda, no que respecta ás infraestruturas, o Eixo defendeu ante o secretario de Estado de Infraestruturas a conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense; a autovía A-76 (Ourense-Ponferrada), o impulso definitivo ao Porto Seco de Monforte, que permitirá a conexión coa rede transeuropea de transportes; ou a mellora do trazado da estrada Bragança-Puebla de Sanabria.

Con respecto ao tema das infraestruturas, o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, apuntaba tras a asemblea que “lle solicitei expresamente ao Eixo Atlántico que xestione diante das administracións competentes as actuacións necesarias para as infraestruturas da liña ferroviaria Lugo-Ourense, da plataforma loxística, e da autovía Ponferrada-Monforte-Ourense; debido a que se trata de actuacións que son de interese xeral para Galicia e a Eurorrexión”. Ademais engadía que “outro dos temas que estivo enriba da mesa é a organización e celebración dos XII Xogos do Eixo Atlántico nas cidades de Monforte, Lugo e Sarria, que se van celebrar o vindeiro mes de xullo”.

Esta asemblea coincidía asemade coa celebración do 25 aniversario do Eixo Atlántico. Neste senso, outra das cuestións comentadas foi a creación da Eurocidade Chaves-Verín no ano 2008 e a súa constitución como AECT, xa no 2012. “Dende entón, foron varios os resultados alcanzados, destacándose a creación da sede da Eurocidade na antiga alfândega española (en Feces de Abaixo, Verín), a Ecovia do Tâmega, a creación dunha marca de turismo transfronteiriza “Chaves-Verín, a Eurocidade da auga”, a tarxeta de Eurocidadán, traballos para a xestión transfronteiriza de residuos por parte da Axencia Urbana do Eixo”, segundo se destaca dende este organismo.

No marco deste 25 aniversario, inaugurábase tamén o 15 de febreiro unha exposición conmemorativa na Praza Maior de Lugo. Trátase dunha mostra composta por 36 lonas articuladas en forma de cubos onde se fai un percorrido pola historia do Eixo e os seus grandes fitos de cooperación transfronteiriza e vertebración do sistema urbano.

Artigos relacionados

Back to top button