CulturaCulturaÚltima hora

O Mago Teto e Dani García protagonizan Terra Máxica esta fin de semana

A penúltima semana do programa de ilusionismo deste ano recala en Barbadás, Verín, Allariz e A Rúa
O Mago Teto, no Centro Cultural Avenida da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

O programa da segunda edición de Terra Máxica, organizado polo Mago Teto e Culturactiva S. Coop. G., entra na recta final coas actuacións en Barbadás, Verín, Allariz e A Rúa.

Un dos artífices do programa, o Mago Teto, pasará unha fin de semana intensa coa súa combinación de charla didáctica para escolares e función. A Casa da Cultura de Barbadás acolle hoxe pola mañá “A incrible historia da maxia”, unha conferencia salferida de trucos e ilusionismo, onde Teto achegará os antecedentes históricos e todos os detalles desta disciplina escénica ao público de ensino secundario. E xa pola tarde, ás 19h, terá lugar na mesma Casa da Cultura Manuel María un espectáculo moi especial, Xuntanza Máxica, maxia a catro mans de Teto co Mago Mimo Anyo. Mañá sábado 22 de abril, Teto chegará a Verín co mesmo formato: charla e función. A charla terá lugar ás 12h. na Casa da Cultura e o espectáculo, desta volta 25 anos de Tolemaxias, estará no Auditorio Municipal ás 19h.  E xa por último, o domingo 23 estará na Casa da Cultura de Allariz.

 

O mago Dani García.

Tamén na tarde do domingo, ás 18h. o Mago Dani García presentará Volta á maxia no Centro Cultural Avenida da Rúa. Pero dúas horas antes este mago ofrecerá unha función social na residencia da terceira idade Os Pinos na mesma localidade valdeorresa. Outra das funcións sociais, para público da terceira idade, terá lugar no Asilo de Verín, este mesmo domingo ás 16.30h. a cargo do mago e cómico Fran Rei, coa peza O Conto de Barriga Verde.

Terra Máxica despedirase este ano co Mago Xacobe, que o sábado día 29 de abril ás 19h. estará no Auditorio de Verín e o domingo día 30 ás 18h. en Allariz con Ilusións Máxicas.

Artigos relacionados

Back to top button