OurenseÚltima hora

O mes de setembro xirará en torno ao Termalismo en Ourense con dúas citas internacionais

A cidade acollerá o II Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida e o Salón de Turismo Termal, Saúde e Benestar, “Termatalia”, entre os días 20 e 23 dese mes
José María Faílde, Jesús Vázquez, Virxilio Rodríguez, Rosendo Fernández e Cristina Álvarez. // Foto: Carlos Asensio. 

Ourense só falará de Termalismo no mes de setembro xa que acollerá dúas citas de carácter internacional ese mes.

Por unha banda, o Campus acollerá, os días 20 e 21 de setembro, a segunda edición do “Simposio Internacional de Termalismo e Calidade de Vida”. Unha iniciativa que pretende xuntar a expertos na materia do termalismo e a súa aplicación á saúde. Como ben se anunciou na presentación de hoxe, 20 de abril, na Vicerreitoría, este evento está enmarcado dentro da especialización do Campus de Ourense como Campus da Auga. Segundo anunciou o director da Área de Planificación do Campus de Ourense, José María Faílde, agárdase a uns 200 participantes e preto dun cento de comunicacións relacionadas coa materia.

Pero este evento está ligado á celebración da décimo sétima edición da Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, “Termatalia”, que ten fixados no calendario os días 20 e 23 dese mesmo mes para a súa celebración en Expourense.

Neste senso, a representante de Expourense, Cristina Álvarez, salientou a importancia do intercambio de coñecementos na materia de termalismo e por iso remarcou como algo positivo que esta cita científica se celebre preto de Termatalia: “cremos que, sen dubída, vai reforzar a capacidade técnica de Termatalia e vainos dar unha perspectiva innovadora”, apuntou. Pola súa parte, o vicerreitor, Virxilio Rodríguez, subliñou que o encontro deste evento con Termatalia axuda “á nosa visión de sumar, desde a ciencia, a investigación básica e a investigación aplicada”.

Finalmente, tanto o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; como o vicerreitor do Campus ourensán, Virxilio Rodríguez; e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientaron a importancia da colaboración institucional e dos axentes sociais para elaborar un proxecto común de Termalismo para Ourense, e apuntaron que isto reforza a aposta estratéxica que se está a facer polo Termalismo como “elemento diferenciador e competitivo”, para levar a cabo unha aposta estratéxica. Porque, en palabras de Vázquez, “a cidade aspira a ser un eido de Termalismo e un referente de vangarda e innovación”.

Da investigación ao profesional

O director da área de Planificación do Campus de Ourense, José María Faílde, salientou que este evento ten como punto forte “a súa multidisciplinariedade. Asemade, indicou que un dos principais obxectivo é que este encontro científico se consolide como “unha cita de grande relevancia que permita incrementar o potencial de especialización do Campus da Auga” e, ao mesmo tempo, que sirva como un eixo de desenvolvemento do termalismo na provincia e na cidade.

En canto ao programa, Faílde explicou que xirará en torno a tres eixos temáticos: a caracterización e o aproveitamento de augas mineromedicinais e termais, patrimonio e arquitectura termal e o turismo de saúde en termalismo. A todo isto haberá que sumarlle unha área de investigación relacionada coa auga. En canto aos expertos, o director informou que virán dende Portugal, España, Italia e os Estados Unidos, e lembrou que o prazo de presentación de comunicacións aínda está aberto.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button