DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O motoclub La Virgen del Camino inaugura a delegación ourensá, no Barco

A sede está ubicada no Café Bar Jardín de Viloira e o obxectivo é facer, como mínino, unha saída ao mes

A Coruña, Asturias, Cantabria, Lugo, Madrid, Pontevedra, Salamanca, Segovia, Valladolid, Zamora, Zaragoza, e agora tamén Ourense. O motoclub La Virgen del Camino con sede central en León, vén de inaugurar a delegación da provincia de Ourense, con sede no Café Bar Jardín de Viloira, no Barco de Valdeorras, ata onde se desprazaban na fin de semana do 26 e 27 de setembro, membros das diferentes delegacións.

O acto central tiña lugar na tarde do domingo, pero o programa comezaba xa o sábado cunha ruta ata o Santuario das Ermitas (O Bolo). “O domingo pola mañá, coa chegada dun maior número de motos (unhas 65 aproximadamente e 86 persoas), tivemos outra ruta polas Terras de Trives”, explica José Antonio Arias o “Kaimán” natural do Barco, delegado de Galicia e vicepresidente segundo do motoclub.

O propio “Kaimán” asegura que o acto inaugural tivo lugar despois do xantar, co nomeamento da delegada, Sagra, e do vogal, Chenchu (do Barco). Nese momento tamén se fixo entrega á delegación de Ourense da bandeira do motoclub para levar nas rutas, e “en breve entregaremos tamén a da sede”, asegurando que o que se propoñen é ter como mínimo unha ruta ao mes, “se se pode saír dúas veces ou tódalas fins de semana ben, pero iso dependerá do tempo e da disposición”.

O que si teñen clara é a súa filosofía: “somos xente normal que non sae a correr nin facer tempos senón pasear, reunirnos, compartir ruta e basicamente estar xuntos. En realidade a moto é unha excusa, ademais non discriminamos ningún tipo de moto, ni marca, nin cilindrada, nin idade”, di o vicepresidente.

La Virgen del Camino fundouse hai 8 anos con 7 membros e agora van xa polos 410. A delegación de Ourense arranca con 11.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button