CulturaCulturaÚltima hora

Convócase o IV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

O premio, dotado con 10.000 euros, está promovido pola Asociación Proxecto Benito Losada
Vítor Nieves, coordinador do premio, durante a súa intervención na presentación celebrada en Santiago.
Vítor Nieves, coordinador do premio, durante a súa intervención na presentación celebrada en Santiago.

Co obxectivo de “seguir impulsando novas creacións na linguaxe contemporánea neste ámbito das artes visuais”, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea promovido pola Asociación Proxecto Benito Losada (ao abeiro do Outono Fotográfico e co patrocinio do Concello de Lugo e a Xunta), vén de convocar a cuarta edición, cunha presentación que tiña lugar o 22 de xullo en Santiago de Compostela.

No acto, o secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo explicou que “esta meta foi a que guiou a traxectoria do premio desde 2013 e este segue a ser o horizonte dunha iniciativa que gañou por méritos propios un lugar ben destacado no panorama de certames do ámbito da creación cultural contemporánea, tanto dentro coma fóra de Galicia”. Pola súa banda, os impulsores e coordinadores deste premio, Vítor Nieves (comisario da exposición que se realiza co traballo gañador en cada edición) e Xosé Lois Vázquez (director do Outono Fotográfico) explicaron as principais características do certame.

O premio está dotado con 10.000 euros, que se destinan á produción dunha exposición temporal, a cargo do Outono Fotográfico, que se inaugurará entre os meses de novembro e de decembro de 2016. A exposición será inaugurada na cidade de Lugo, e itinerará durante dous anos dentro da programación do Festival Outono Fotográfico e da que promovan con tal motivo tanto a Deputación de Lugo como a Xunta de Galicia. A edición do libro co traballo gañador, dentro da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF, completa o galardón deste certame fotográfico. Ademais, unha selección de fotografías do proxecto formará parte do libro do Festival Outono Fotográfico do ano seguinte.

Vítor Nieves do Outorno Fotográfico, Pilar García do Concello de Lugo, Anxo Lorenzo da Xunta e Xosé Lois Vázquez tamén do Outono Fotográfico.
Vítor Nieves do Outorno Fotográfico, Pilar García do Concello de Lugo, Anxo Lorenzo da Xunta e Xosé Lois Vázquez tamén do Outono Fotográfico.

O prazo de presentación das obras será desde hoxe ata o 15 de setembro de 2016 e entre os proxectos que se presenten, o xurado seleccionará tres finalistas, atendendo á linguaxe visual do autor, á calidade fotográfica e á contemporaneidade. Os nomes dos autores publicaranse o 22 de setembro de 2016 en www.outonofotografico.com e nas redes sociais do festival. Dous días despois, o xurado designará ao gañador coa publicación do seu nome nas plataformas anteriormente nomeadas.

Artigos relacionados

Back to top button