PolíticaÚltima hora

O Parlamento galego pedirá a Fomento a mellora do firme da N-120 en Valdeorras

Resultaba aprobada unha proposición non de lei sobre este tema presentada polo deputado Moisés Blanco
Moisés Blanco no Parlamento durante a presentación da proposición non de lei.

A necesidade de arranxar de forma integral o firme que presenta na actualidade a estrada N-120 era un dos asuntos que se abordaban na tarde do 16 de maio na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento galego.

Da orde do día formaba parte unha proposición non de lei, promovida polo grupo do PP e presentada polo deputado valdeorrés Moisés Blanco, na que se pedía que o Ministerio de Fomento impulse unha rehabilitación estrutural do firme da estrada Nacional-120, especialmente no tramo que transcorre desde Valdeorras ata Monforte de Lemos. Tamén se pedía a continuación dos traballos de desmontes e saneamentos de rochas para impedir desprendementos.A iniciativa resultaba aprobada.

Blanco sinalou que, “ata que o proxecto da A-76 se converta nunha realidade, é necesario que a N-120 estea nas mellores condicións para o seu uso seguro e eficiente, xa que a día de hoxe continúa a ser a vía principal de comunicación destas comarcas do interior de Galicia, pola que se transportan 450.000 toneladas de pizarra para a súa exportación por terra ou mar”.

Por outra banda, o deputado popular consideraba “unha tomadura de pelo para todos os veciños de Valdeorras e das terras de Lemos que En Marea presentara unha emenda aos orzamentos do Estado a través da que solicita que se retiren máis de 5,5 millóns de euros destinados á construción do tramo da A-76 entre A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras, e da circunvalación de Monforte, para incorporalos ao Fondo de Continxencia”. “Poderíamos entender que En Marea non quixera que se construíra a A-76, pero cando menos non retiren o investimento destinado á comarca de Valdeorras ou Monforte para mandalo ao Fondo de Continxencia”, engadía Blanco.

Artigos relacionados

Back to top button