EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O pleno do CRDO Valdeorras estuda propostas para a actualización dos seguros

Ademais representantes desta entidade manterán unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural sobre esta cuestión
Imaxe do pleno celebrado o 18 de maio no CRDO Valdeorras.

Na mañá do 18 de maio tiña lugar unha sesión plenaria no Consello Regulador da D.O. Valdeorras na que estudaban diferentes propostas para a actualización destes seguros de viñedo no territorio amparado. O presidente do Consello Regulador, Francisco García, insistiu na necesidade de revisar e axeitar as pólizas á realidade de Valdeorras. “Tal e como están deseñadas a meirande parte das pólizas, faise difícil a súa contratación”, sinalou o presidente, quen incidiu
en que “a diversidade orográfica e o minifundismo” na zona supoñen “atrancos” na cobertura que ofrecen moitas compañías.

Por este motivo, o presidente amosouse partidario de “baixar a porcentaxe de franquicia dos seguros e establecer unha zonificación”. Ademais, engadiu, “cómpre ter en conta que unha ampla maioría dos nosos viticultores dedícanse á actividade agraria a tempo parcial e deberían ter as mesmas vantaxes na contratación de seguros que o resto dos viticultores, posto que tamén son protagonistas e artífices na elaboración de viños”.

Os prezos establecidos para a uva na D.O. de Valdeorras son os máis baixos de Galicia. O godello valorase a 0,58 céntimos de euro (mentres que noutras denominacións de orixe valórase a 1 euro). Por este motivo, cómpre establecer
novos prezos e incrementar a valoración da uva de cara a fomentar a contratación de seguros.

A secretaria do Consello Regulador manterá hoxe en Santiago unha nova reunión con membros da Consellería do Medio Rural na que se abordará a posta en marcha de políticas encamiñadas a fomentar a contratación de seguros de viñedo na comarca, como medida que serva para atenuar e diminuír as consecuencias de posibles perdas económicas orixinadas por fenómenos meteorolóxicos adversos que poidan producirse no futuro.

Artigos relacionados

Back to top button