ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O pobo barquense de Santa Mariña recupera as súas festas patronais

O 4 de xullo os veciños organizaban unha cea para reunir cartos e poder honrar así á santa que lle dá nome á localidade

Despois de varias décadas sen celebrarse, Santa Mariña (O Barco) recuperará as súas festas patronais. Celebraranse na fin de semana do 18 e 19 de xullo e nelas honrarase á súa patroa: Santa Mariña. A iniciativa partía dunha comisión de festas que o sábado 4 de xullo organizaba unha cea popular para recadar fondos e poder sufragar así a celebración.

Na cea, que tiña como escenario a zona coñecida como o Sagrado (onde tamén se fai a festa), participaban unhas 80 persoas que pagaban unha entrada de 7 euros. Ademais a organización poñía á venda unhas camisetas vermellas que lembraban a cor que levaba o equipo de fútbol que tiña anos atrás este pobo e que se chamaba os “Diabos Roxos”. Ataviados coas camisetas, os comensais desfrutaban dun menú que rendía homenaxe á carne de caza. Deste xeito servíanse empanadas de corzo e xabarín, xabarín estofado e á plancha. Ademais, había churrasco, criollos, ensalada, e por suposto viños e outras bebidas. E, xa como sobremesa: doces caseiros. A cea remataba cunha queimada.

Deste xeito quentábanse tamén motores de cara ás vindeiras festas de Santa Mariña. O día grande será o 18 de xullo, onde ademais de misa solemne, actuará a orquestra Alvein. O 19 de xullo a música correrá a cargo da orquestra Nievla. O programa incluirá asemade outras actividades como xogos populares e tamén fogos de artificio.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button