Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O PSdeG reivindicará no Parlamento galego a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Xaquín Leiceaga anunciaba, en dous actos celebrados nesta zona ourensá e lucense, que preguntará no vindeiro pleno sobre o estado do proceso de declaración

Primeiro en Castro Caldelas e, unha hora despois, en Monforte de Lemos. O PSdeG-PSOE celebraba na mañá do 20 de abril sendos actos, coa presenza do portavoz do grupo parlamentario socialista Xaquín Leiceaga, para dar a coñecer as iniciativas dirixidas a reivindicar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade que ten previsto presentar no pleno do Parlamento galego.

No caso da vila ourensá, o acto tiña como escenario o patio do Castelo e comezaba cunha intervención da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, quen resaltaba que lograr esa declaración para este territorio da cabalo entre as provincias de Ourense e Lugo “é o impulso que falta para que a zona empece a despegar. Estamos no oriente ourensán, temos tamén a parte lucense, é un territorio fantástico en canto a monumentalidade, a historia, paisaxe, pero necesitamos ese apoio porque temos unha zona envellecida, que pouquiño a pouco parece que vai empezando a rexurdir, pero por parte dos poderes públicos necesitamos ese espaldarazo. A Ribeira Sacra necesita esta declaración”.

De seguido tomaba a palabra o deputado socialista ourensán Raúl Fernández, quen incidía en que “estamos nun lugar emblemático e tamén típico do interior de Galicia, cunha acusada despoboación, e tamén envellecemento da propia poboación e, sen embargo, cuns recursos impresionantes: agrogandeiros, monumentais, culturais, paisaxísticos, cunha serie de potencialidades que aínda estando asentados neses principios é necesaria a intervención das diferentes administracións para dar un salto definitivo e poñer todo en valor. E nesa liña vai a iniciativa que presentará o PSdeG-PSOE no Parlamento”.

Dela daba conta Leiceaga e adiantaba que os socialistas levarán ao pleno da próxima semana unha pregunta oral para reclamar “un compromiso firme en sede parlamentaria” neste senso por parte da Xunta. O portavoz socialista no Parlamento galego lembraba que, logo “dun certo empuxe e ilusión inicial en canto a poñer en marcha o proceso de declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra, levamos case dous anos nos que o proceso semella estar paralizado”. Por iso pedíalle ao goberno galego un calendario “crible, realista e dilixente” para tramitar diante da Unesco esa petición de declaración.

Asemade neste mesmo acto, que contaba coa presenza de representantes do PSdeG da zona de Trives-Caldelas, o portavoz socialista na Deputación de Ourense, Francisco José Fraga, matizaba que “vemos como na Deputación continuamente o PP presenta mocións para museos, o da emigración, o dos Bolechas… aquí temos o museo sobre o territorio, entón qué máis ca isto. Nós o que dicimos é que dunha vez se tome isto como hai que collelo, que nos poñamos mans a obra e que haxa un compromiso das administracións”.

A continuación, Leiceaga trasladábase a Monforte de Lemos, onde presentaba a iniciativa na parte lucense da Ribeira Sacra, xunto co alcalde deste concello, José Tomé, o presidente da Deputación provincial, Darío Campos, e os deputados autonómicos José Antonio Quiroga, Concepción Burgo e Luis Álvarez.

O alcalde de Monforte reivindicaba ademais unha declaración Patrimonio da Humanidade “compatible co desenvolvemento rural” e compatible coas actividades agrogandeiras que “foron precisamente as que ao longo dos anos moldearon a paisaxe natural e conformaron o entorno que hoxe temos”.

 

Fotos: Carlos G. Hervella (agás a última imaxe da galería que é cedida).

 

Artigos relacionados

Back to top button