Especial NadalMonográficos

O reclamo termal e turístico

Ourense é a segunda provincia galega en número de balnearios, ao contar cun total de 7 centros

O seu carácter diferenciador e o seu forte vencello co territorio fan que o sector termal galego sexa un dos que xeran un maior efecto multiplicador na economía. E iso nótase nas provincias da Galicia interior. A de Ourense concentra un 26% das manifestacións termais galegas e, en especial, aquelas cun maior grao de termalidade. E no conxunto provincial é a cidade de Ourense a zona cun maior número de afloramentos mineiro-medicinais e/ou termais de Galicia, segundo os expertos.

A importancia deste recurso reflíctese tamén no número de instalacións. Así do total de 21 balnearios existentes en Galicia, sete sitúanse na provincia de Ourense. Son os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Sousas (Verín).

No contexto autonómico, o termalismo ourensán vén a representar un 30% dos establecementos balnearios e un 20% das prazas hoteleiras directas, segundo os datos que manexa a Asociación de Balnearios de Galicia. Isto convirte á provincia de Ourense na segunda galega, tras Pontevedra, en número de balnearios e na terceira en número de prazas (tras Pontevedra e Lugo). Asemade, dos sete balnearios ourensáns, a case metade posúe o distintivo Q de Calidade Turística. Son os de Arnoia, Laias e Lobios.

Ademais no caso de Verín, concello que conta con dous centros balnearios, estase a desenvolver un proxecto transfronteirizo con Chaves (Portugal) que aposta polo desenvolvemento do sector: a “Eurorrexión Termal e da Auga”. A súa principal pretensión é “planificar, elaborar e consolidar unha estratexia transfronteiriza común que favoreza o desenvolvemento coordinado e competitivo do sector termal e da auga na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, segundo os seus promotores.

No seu marco desenvolvíase o 5 de decembro na sede da Eurocidade Verín-Chaves un workshop para analizar o desenvolvemento do termalismo como industria, actividade turística e actividade sanitaria. Neste foro tamén se lembrou que dende esta Eurocidade estase a impulsar un manual xurídico de termalismo de Galicia e do Norte de Portugal que reunirá a lexislación termal de ambas rexións, concretando as diferentes lexislacións autonómicas e facendo un estudo comparado con outras normativas europeas de países cunha dilatada tradición termal como é o caso de Alemaña, Francia ou Hungría, tal e como indicaba o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez durante o acto.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Nadal de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button