O Ribeiro actualiza a súa contraetiqueta certificadora corenta anos despois

Esta nova precinta certificadora é conxunta para todos os viños da D.O. e convivirá ca antiga durante tres anos

O C.R.D.O do Ribeiro renova a súa precinta certificadora ou contra etiqueta tras máis de corenta anos usando a mesma. O presidente do Consello Regulador, Felicísimo Pereira, cualificou a presentación como “un feito histórico” xa que presentan unha nova imaxe “adaptada aos tempos que corren”. Asemade engadiu que esta identificación está feita e certificada Real Casa da Moeda e do Timbre, “porque cremos que ten que seguir facéndose así”.

Pero este cambio no ano 2017 é moi significativo para o C.R.D.O do Ribeiro xa que, como sinalou a súa Xerente, Cristina Alcalá, este ano é o 60 aniversario da “formación da autorización e a legalización do Consello Regulador do Ribeiro, e do primeiro regulamento que o consello aprobou”. A Xerente sinalou emocionada que esta “nova cinta, tirilla ou contra etiqueta” simboliza todo ese percorrido da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Cristina Alcalá fixo un repaso polos diferentes símbolos identificativos da D.O. Ribeiro antes de chegares até este novo deseño: “no ano 1967 comezouse a troquelar nas etiquetas a palabra Ribeiro, que era a identidade do viño da zona de Ribadavia. Logo, no ano 1977 aparece a etiqueta que se coñece agora, cos catro escudos e cadrada e, nos anos 90, fíxose a ‘tirilla’ que está vixente agora e que servía para as exportacións”, contou. Asemade, esta marca “unificará” os viños, xa que non haberá distinción para os tintos ou os rosados. “E tampouco para a nova liña de espumosos”, lembrou Alcalá.

Polo de agora, a antiga etiqueta e a nova, convivirán durante un período de tres anos e logo xa só se etiquetará o viño coa nova marca. O director creativo de Incubarte, Jaime Díaz, foi o encargado de comentar as características deste novo deseño da precinta. Segundo sinalou o creador, á hora de facer este novo deseño “tivemos en conta tres premisas”: a personalidade do viño do Ribeiro “con traxectoria centenaria”. Neste punto o obxectivo era “non renunciar ao pasado pero tampouco quedar ancorados nel”, explicou; que a precinta “non fose a protagonista da película”, é dicir, que non destacase por riba da etiqueta da marca da adega; e por último, “queriamos que tivese duración no tempo”.

Así, este novo selo que aparecerá nas botellas ten dúas cores presentes, o verde e o branco e presenta seis elementos. Por unha banda, na parte verde, está impreso o escudo do Ribeiro “ocupando un terzo da etiqueta”. Logo está o logotipo “RIBEIRO” que ocupa “as dúas terceiras parte da cinta”. Por outro lado, hai un mapa de Galicia en negro onde se indica a procedencia exacta do viño. Asemade, para evitar falsificacións, ten o selo da Real Casa da Moeda e do Timbre e unha banda “da cal só coñecen na fábrica da Moeda e do Timbre as súas características gráficas”, coma nos billetes.

 

 

 

 

 

 

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies