EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O Ribeiro presenta un túnel de 30 viños en ProWein

Esta D.O. participaba xunto con oito adegas nesta mostra internacional celebrada en Alemaña
Representantes do CRDO Ribeiro con Peer F. Holm.
Representantes do CRDO Ribeiro con Peer F. Holm.

Cun espazo propio e coa presenza de oito adegas, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro participaba na feria internacional de viños e espirituosos Prowein 2016, que se celebraba do 13 ao 15 de marzo no recinto feiral Messe Düsseldorf, desta cidade alemá. O seu obxectivo era “facilitar a promoción e expansión de negocio para as adegas do Ribeiro”.

O expositor deste consello ourensán estaba no stand “Vinos de Galicia” do IGAPE, no pavillón de España– ICEX con representación das adegas Alanís, Casal de Armán, Coto de Gomariz, Ramón do Casar, Terra do Castelo, Valdavia, Val de Souto e Viña Costeira. “Centos de profesionais visitaron o stand da D.O. Ribeiro durante os tres días de feira, tanto as adegas coexpositoras como o túnel de viños, fórmula innovadora de presentación para o consello neste evento e que tivo unha gran acollida entre os visitantes, que podían catar libremente as 30 referencias de viño branco e tinto de 17 adegas distintas”, tal e como indican dende o consello regulador.

Expositor do CRDO Ribeiro en ProWein.
Expositor do CRDO Ribeiro en ProWein.

Por outra banda, o consultor experto en viños españois, Peer F. Holm, facía unha presentación sobre a D.O. Ribeiro e unha cata de 12 dos seus viños durante o certame no stand da editorial Meininger Verland.

Artigos relacionados

Back to top button