En portada

O sector galego do castiñeiro pide en Madrid medidas inmediatas contra a avespiña

Os presidentes da IXP Castaña de Galicia e de Proagrosilva participan nunha reunión en Madrid da Rede Estatal do Castiñeiro con técnicos do Ministerio de Agricultura
Imaxe da reunión celebrada o 18 de maio en Madrid na que participaban representantes do sector do castiñeiro en Galicia, Castela e León, Extremadura, Andalucía e do resto de rexións produtoras integrantes da Rede Estatal do Castiñeiro con membros do MAGRAMA./ Foto: Rede Estatal do Castiñeiro.
Imaxe da reunión celebrada o 18 de maio en Madrid na que participaban representantes do sector do castiñeiro en Galicia, Castela e León, Extremadura, Andalucía e do resto de rexións produtoras integrantes da Rede Estatal do Castiñeiro con membros do MAGRAMA./ Foto: Rede Estatal do Castiñeiro.

O avance da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus), considerada a praga máis grave a nivel mundial neste cultivo, continúa e con rapidez. De aí a preocupación do sector galego ante as graves consecuencias que a presenza deste insecto pode ter nos soutos galegos e a necesidade de actuar o antes posible para frear a súa expansión. Esta é unha preocupación que comparten con outras comundiades autónomas españolas produtoras de castaña de aí que, a través da Rede Estatal do Castiñeiro, promoveran a celebración dunha reunión en Madrid con técnicos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA). O encontro celebrábase na tarde do 18 de maio en Madrid e nel participaban os presidentes da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá, e de Proagrosilga, Francisco Barredo.

“A convocatoria da reunión veu motivada polos datos que apuntan a unha extensión xeralizada da praga polas zonas produtoras de castaña de España, que agás Castela e León, onde aínda non se ten detectado, todo apunta a que se está estendendo a unha velocidade extremadamente rápida, sobre todo en Galicia e Málaga. Estas últimas deteccións confirman a necesidade urxente de establecer medidas que minimicen a súa rápida propagación e o control inmediato desta especie invasora, orixinaria de China, pero que leva presente en Europa dende o 2002, ano no que foi declarada por primeira vez en Italia, e que chegou a España no 2012”, segundo se informa dende a Rede Estatal do Castiñeiro, que agrupa aos produtores das zonas de castaña máis importantes do Estado español.

A principal forma de facer fronte á avespiña é a loita biolóxica con outro insecto, o Torymus sinensis (que é o inimigo natural da avespa do castiñeiro). E niso se insistía durante a citada reunión, na que a Rede Estatal do Castiñeiro solicitáballe ao MAGRAMA “a posta en marcha de medidas que contemplen unha estratexia de erradicación e control desta especie invasora de forma coordinada coas diferentes comunidades autónomas, así como a inmediata execución dun programa de control biolóxico, único método que ten revelado eficaz ata a data para o control deste insecto”.

Artigos relacionados

Back to top button