EconomíaEconomíaÚltima hora

O selo Galicia Calidade incorpórase ao sector turístico

Trátase dunha iniciativa pioneira en España e con ela búscase diferenciar o turismo galego
Un dos momentos do acto de sinatura do acordo.
Un dos momentos do acto de sinatura do acordo.

A partir de agora a marca Galicia Calidade funcionará como aval da excelencia das empresas turísticas. Na mañá do 22 de xaneiro o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, asinaban un acordo que permitirá incorporar este ao sector turístico galego.

Segundo destaca Francisco Conde trátase dunha iniciativa pioneira en España e con ela búscase “diferenciar ao turismo galego dos seus competidores, poñendo en valor os nosos atractivos, o que nos fai únicos”. Asemade incidía en que o acordo posibilitará que o selo Galicia Calidade, que ampara a máis de 50 empresas e 250 produtos tras medrar nun 10% en ambos eidos en 2014, garanta o carácter único de determinados establecementos turísticos galegos, reforzando desta maneira o labor de certificados como a Q de calidade ou o ISO.

Tamén destacaba o conselleiro que a concesión desta marca de calidade responderá no eido turístico a uns valores complementarios e específicos do turismo galego: arquitectónicos, medioambientais, paisaxísticos, culturais, ou gastronómicos.

Coa sinatura deste acordo Galicia Calidade incorpórase ao sector turístico da comunidade.
Coa sinatura deste acordo Galicia Calidade incorpórase ao sector turístico da comunidade.

Outros dos obxectivos do acordo é potenciar os produtos de orixe galega. Un dos requisitos para obter a calificación de Galicia Calidade será a presenza manifesta de produtos autóctonos e produtos alimenticios amparados polas Indicacións Xeográficas Galegas, unha iniciativa baseada na convicción de que o sector turístico, desde as casas de turismo rural ata os restaurantes, supoñen o mellor escaparate para a promoción dos produtos autóctonos.

Artigos relacionados

Back to top button