En portadaÚltima hora

O son da gaita volve ao teito de Galicia

Pena Trevinca acollerá o 17 de xuño un acto conmemorativo dos quince anos pasados dende a primeira vez que un grupo de gaiteiros da Veiga tocou no seu cume
Vista do macizo de Trevinca./ Foto: Carlos G. Hervella.

As gaitas soaban por vez primeira en Pena Trevinca un día 1 de setembro de 2002. Tocábanas gaiteiros da Veiga. Quince anos despois, vaise lembrar aquel simbólico xesto, considerado “un saúdo a todas montañas galegas”, cun programa de actividades que leva por título “Día da Montaña Galega. XV Aniversario dunha aperta a Trevinca”.

Desta volta a intención non é só “celebrar esta Aperta de fai agora 15 anos, senón ademais, celebrar e instituír, o día de “A Montaña Galega” como recoñecemento a unha abondosa e magnífica natureza de montaña, que abrangue, dende o pequeno e admirado Tegra en A Garda aos cordais de A Capelada e A Faladoira en Ortegal, dende os míticos Pico Sagro e O Pindo no Finisterre e terras de Santiago de Compostela ata os altos picos de Manzaneda, Courel, Xurés e Ancares, e como nai de todos eles, as Montañas de Trevinca, que co Pena Trevinca e os seus 2.127 m de altitude a fan merecedora do título Cima de Galicia“, segundo a organización en mans do Club de Montaña O Trisquel de Trevinca en colaboración co Concello da Veiga.

 

Un dos membros do Club de Montaña O Trisquel co cartel desta actividade./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O programa comenzará o 16 de xuño ás 20:30h. coa proxección de “Unha Aperta a Trevinca” polos gaiteiros da Veiga. Ao día seguinte, ás nove da mañá terá lugar un percorrido que sairá dende Vilanova e que irá ata Pena Trevinca. Unha vez alí, ás 13:30h. celebrarase un acto conmemorativo coa interpretación do himno do antigo Reino de Galicia por Adrián Cotado Rodríguez.

O camiño de volta farase ás 14:30h. e o peche da actividade terá lugar no Centro de Interpretación da Montaña de Trevinca no pobo de Ponte. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao 689 53 66 01 ou ao988 35 00 00.

Con estas accións, a organización busca asemade “pedir un maior coñecemento e unha máis efectiva protección sobre unha natureza excepcional, na que se atopan refuxiados unha boa parte de endemismos botánicos, mamíferos, aves, insectos e réptiles de gran valor medioambiental e científico”.

Artigos relacionados

Back to top button