Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O subdelegado do Goberno presenta o XXXIII Concurso da Constitución

Roberto Castro anima á paticipación escolar e invita a celebrar o aniversario dun texto que “foi, é e será un orgullo permanente de todos”

O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, presentaba aos medios na mañá do 26 de outubro a XXXIII edición do concurso escolar da Constitución, que este ano afondará no título IV da mesma, do Goberno e da Administración. Trátase dunha iniciativa enfocada ao alumnado de todos os centros educativos da provincia para fomentar a reflexión sobre un texto que “foi, é e estou seguro de que será un orgullo permanente de todos”, apuntaba Castro, en referencia á Carta Magna española. O vindeiro 6 de decembro comemórase o 38º aniversario do referendum que aprobou o texto e este certame virá a supor unha maneira máis de celebralo involucrando aos máis pequenos.

Precisamente o día 6 de decembro se fará entrega dos premios aos alumnos gañadores desta edición, aproveitando o marco dos actos institucionais festivos que se levarán a cabo no Auditorio. Pero antes, os rapaces deberán presentar os seus mellores traballos referidos sobre o texto constitucional. Tal e como explicou o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias, haberá como de costume dúas modalidades: por un lado, os alumnos de Infantil, Primaria e Educación Especial optarán ao agasallo cun debuxo sobre o tema deste ano; polo outro, o alumnado da ESO, do Bacharelato e dos ciclos medios de Formación Profesional (FP) deberá presentar unha redacción.

Esta é “unha actividade moi consolidada”, afirmou Mercedes Gallego. A xefa territorial de Educación tamén estivo na presentación do certame e explicou que o afondamento desta edición no título IV “demostra que hai un interese por que a Constitución chegue aos nosos nenos e que coñezan o proceso político que estamos vivindo”. E é que tal e como explicaron, o concurso busca amoldar o tema de cada edición á actualidade.

Na presentación tamén se lembraron os datos de participación na anterior edición, que contou con 1.129 alumnos de 33 centros de toda a provincia. 40 foron os premiados, 20 entre os pequenos e outros 20 entre os rapaces maiores, ao igual que nesta ocasión. Os gañadores de Infantil, Primaria e Educación Especial recibirán un agasallo e un exemplar especial da Constitución. No caso dos premiados da modalidade da ESO, Bacharelato e FP, o agasallo será unha viaxe a Madrid para coñecer as Cortes Xerais e outras institucións culturais.

O prazo para presentar os traballos remata o 4 de novembro ás 14 horas. As bases poden consultarse na web www.concursoconstitucion.es. “A participación será similar á de outros anos”, adiantou Castro, que recoñeceu que “a alma de todo isto é o profesorado”, dixo, e explicou que prevén recibir entre 1.100 e 1.500 obras.

Texto e fotos: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button