En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O tradicional corte de bacelos abre a XXXVII Feira do Viño de Amandi, en Sober

A apertura oficial nesta edición corría a cargo da Adega Mezquita e contaba tamén coa presenza do conselleiro de Economía, entre outras autoridades

Os viños dun total de 22 adegas soberinas poderán degustarse na fin de semana do 8 e 9 de abril no marco da XXXVII Feira do Viño de Amandi, cuxo recinto feiral está instalado ao pé do Concello de Sober. A inauguración oficial da mostra tiña lugar ás doce do mediodía do sábado 8 de abril co tradicional corte de bacelos.

Desta volta a apertura corría a cargo da Adega Mezquita, en lembranza do seu fundador Pedro López Fernández, e nela contábase coa presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que estaba acompañado polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e pola deputada autonómica Raquel Arias.

Francisco Conde destacaba o potencial exportador do sector vitivinícola da provincia de Lugo, dando como dato que no ano 2016 facturou ao exterior 3,2 millóns de euros, fundamentalmente cara países como Portugal e EEUU. Ademais o conselleiro aseguraba que a Denominación de Orixe Ribeira Sacra “conta con todas as características que definen a marca Galicia Calidade; unha materia prima única, un labor por innovar sen renunciar á tradición e o esforzo por traspasar fronteiras”.

A partir de aí as autoridades iniciaban un percorrido polos expositores e o público, ao ritmo do grupo de música tradicional do Agadic, comezaba tamén a catar as diferentes marcas. Nesta edición a mostra conta cos expositores de: A Man de Prado (Bolmente), Algueira (Doade), As Muras (A Carqueixa-Proendos), Barbado (Proendos), Cividade (Outeiro-Bolmente), Cruceiro (Vilachá-Doade), Don Bernardino (Cima de Vila-Brosmos), Estrela (Vilachá-Doade), Guímaro (Sanmil-Brosmos), Gullufre (Lobios), Lucenza (Corbelle-Proendos), Malcavada (Rosende), Marcelino I (A Carqueixa-Proendos), Naz (Naz de Abaixo-Rosende), Petrón (Doade), Proencia (Sansillao-Proendos), Rectoral de Amandi (Igrexa-Amandi), Regina Viarum (Doade), Tear (Suairexa-Figueiroá), Val da Lenda (Cantón-Amandi), Viña Cazoga (O Pacio-Amandi) e Viña Peón (O Barrio-Figueiroá).

O programa da mostra continuará pola tarde coa precata oficial da feira no Centro Sociocultural de Sober, que se completará na mañá do 9 de abril coa cata final. Ás 18:30h. terá lugar un concerto da Banda de Música de Sober e ás 22:30h. a actuación da cantante Rosa Cedrón, que ao día seguinte ás 13h. será a encargada de ler o pregón desta edición da feira.

Ao carón da feira, o público tamén pode visitar a mostra das pezas resultantes do concurso de talla con motoserra, que se celebraba por vez primeira este ano entre o 1 e o 7 de abril.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button