DeportesÚltima hora

O turismo activo en Galicia será presentado no salón ‘SPORTUR Galicia’

Este salón celebrarase ao mesmo tempo ca carreira popular de San Martiño, co obxectivo de que os corredores poidan coñecer outros destinos de turismo activo
Fernando Rubín, Nava Castro, Marisol Díaz e Marta Míguez. // Foto: Carlos Asensio.

Amosar Galicia como destino activo e saudable, así como promover a oferta e multitude de opcións que a comunidade ofrece aos afeccionados ao deporte e ás actividades ao aire libre. Estes son os dous obxectivos que pretende acadar o I Salón do Deporte e o Turismo Activo “SPORTUR Galicia” que hoxe, 26 de maio, se presentou na Delegación da Xunta de Ourense, xa que este salón está organizado por Expourense en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e a Axencia de Turismo de Galicia. Esta presentación correu a cargo do director xeral de Expourense, Alejandro Rubín; a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a Secretaria Xeral de Deporte da Xunta, Marta Míguez.

O salón celebrarase os días 17,18 e 19 de novembro, “coincidindo coa Carreira de San Martiño”, dixo Marisol Díaz. Unha carreira que está moi presente na secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, que dixo que “ese día Ourense será o centro de actuacións de Galicia” xa que todos eses deportistas poderán ir ao salón “SPORTUR Galicia” para informarse das diferentes alternativas de turismo deportivo e de aventura que ofrece a comunidade. Asemade, engadiu a importancia de este tipo de turismo “porque está o motor económico e o motor saudable”.

Este evento está pensado para todos os públicos, deportistas ou non, para que poidan coñecer as posibilidades que ten Galicia para realizar este tipo de turismo activo. Neste punto de encontro do sector terán cabida tanto os Concellos como outras entidades públicas e privadas que queiran promover os seus recursos como parques naturais, rutas de sendeirismo ou acuáticas… así como empresas que queiran amosar os seus produtos para a realización deste tipo de turismo, sa sexa instrumental ou ofertas de paquete turísticos.

Tamén se unirán as asociacións e federacións deportivas de Galicia que organizan eventos deportivos.

Como ben dixo a xerente de Turismo de Galicia, Nava Castro, “o turista elíxenos como destino pola natureza”, de feito Galicia vén de ser recoñecida pola guía de viaxes Lonley Planet como terceiro destino máis importante de Europa para este ano, “precisamente pola súa natureza e gastronomía”, dixo Castro. A máxima responsable de Turismo da Xunta tamén lembrou que este tipo de oferta de turismo activo está “na primeira liña do Plan Turismo de Galicia”, salientando a posta en marcha de diversos circuítos BTT no Salnés, na Serra do Xerés, Verín e Viana “e pronto porase en marcha a de Fisterra”, anunciou.

Pola súa banda, Alejandro Rubín, amosouse moi optimista por acoller este evento e asegurou que “vamos a involucrar a outras comunidades autónomas” para que veñan.

Pista de atletismo

Todos os presentes coincidiron en que este salón é a ocasión ideal para amosar a versatilidade que vai ter Expourense proximamente coa incorporación da nova pista de Atletismo. A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asegurou que “SPORTUR Galicia” será “a proba para que Expourense amose a súa versatilidade”. A responsable para o Deporte apuntou que a pista está próxima a rematar: “fun revisar as obras e estamos en prazo, para agosto esperamos ter todo listo”, anunciou.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button