OurenseÚltima hora

O valdeorrés José Julio Fernández asinará exemplares o sábado na feira do libro de Ourense

Tamén o ourensán Paco López Barxas estará nesta feira asinando libros 
Portada de “Clara e o rapto do Solpor”

O valdeorrés José Julio Fernández, ex-Valedor do Pobo, asinará o seu segundo libro infantil “Clara e o rapto do solpor” na Feira do Libro de Ourense este sábado, 3 de xuño, a partir das 12:00 horas na caseta da libraría A Nova.

O polifacético autor (Valedor do Pobo ata 2015, ademais de profesor universitario, poeta e autor de guións de produtos audiovisuais), volta con esta obra á literatura infantil, tras a publicación do álbum ilustrado: “Astropal, un cometa con corazón”, tamén coa editorial coruñesa, en setembro de 2015; obra que conseguiu un importante éxito, ata o punto que a edición en galego está practicamente esgotada.

O libro, un canto á defensa do medio ambiente, narra a aventura de Clara, unha nena cun don secreto que terá que intervir para tentar salvar ao solpor da ameaza da malvada contaminación.

Tamén, ese mesmo día, o ourensán Paco López-Barxas asinará exemplares da súa nova obra “Confieso que he leído”, de Hércules de Ediciones, 2017. Este autor estará, tamén ás 12:00 horas, na caseta da libraría Platero.

Portada de “Confieso que he leído”.

O título sae do prelo xusto a tempo para a cita do autor ourensán cos seus paisanos, para posteriormente percorrer máis feiras do libro por toda Galicia.

“Confieso que he leído” é “un libro de libros” sobre os que Paco López-Barxas escribiu ao longo de 35 anos; unha colección de críticas literarias que apareceron en distintos medios de comunicación desde 1979 a 2014. Todas elas son reproducidas coa referencia da data e do medio no que viron a luz.

O libro está estruturado en tres partes claramente diferenciadas: literatura galega, literatura española e outras literaturas. Cada comentario literario reprodúcese na lingua—galego ou castelán— no que foi publicado. Nun apéndice final recóllense as traducións ao castelán dos escritos publicados en galego.

O prólogo é obra de César Antonio Molina, en cuxas páginas dinos: “Paco López-Barxas é un gran lector e, por tanto, intérprete magnífico do que outros escriben. O lector, como cómplice e elemento esencial para que unha obra literaria se complemente. Un gran lector nun mundo desgraciadamente cada vez máis escaso de lectores e onde a cultura, como un dos máis grandes bens da humanidade para conseguir a súa liberdade, está en perigo de extinción”.

Artigos relacionados

Back to top button