CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O valdeorrés Magín Blanco participará nun festival a prol da campaña da Biopsia Líquida, na Coruña

O concerto infantil, organizado polo grupo Mamá Cabra, celebrarase o 1 de maio no Centro Ágora
O cantautor rues, Magín Blanco.

Gloria Mosquera e Tomi López, fundadoras do grupo de música infantil Mamá Cabra, organizan para o vindeiro 1 de maio, un festival solidario a prol da campaña sobre a Biopsia Líquida que en xaneiro deste ano lanzaron desde o Grupo de Oncoloxía Médica Translacional (ONCOMET) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, que centra a súa investigación nun dos maiores desafíos actuais en oncoloxía, as metástase, tratando de cubrir necesidades clínicas reais desde e para as doentes.

Neste concerto solidario que se celebrará no Centro Ágora da Coruña ás cinco da tarde, participarán as organizadoras acompañadas por Diego Maceiras no acordeón; Iago Rodríguez e Javier Constenla no piano; Harry Price no violino; Carliños Freire na batería; Brais das Hortas na guitarra; e Pablo Vidal Medonza no contrabaixo.

Ademais o rues Magín Blanco, Uxía, Chus Senlle, Ana Senlle, Xoán Curiel, Paco Nogueiras, Olga Kirk e Pablo Díaz encherán o escenario de música e voces. Luchi Iglesias, Pepablo Patiño, Jorge Casas e Montse Piñón serán as encargadas da parte teatral. Do son encargarase Manuel Dourado e da produción executiva, Urdime.

As entradas para o concerto xa se poden adquirir polo prezo de 5 euros (menores de 3 anos, 2 euros). Tamén se habilitou unha fila cero para aquelas persoas que non poidan asistir e que queiran facer unha achega económica. Venda de entradas na billeteira da praza de Ourense; en Ticketea; e en bit.ly/2ooWoeR

Artigos relacionados

Back to top button