ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Obradoiro de muralismo co mestre escultor arxentino Carlos Moreyra en Vilamartín

Estase a realizar no Bañadoiro e nel tamén participan o profesor Leonardo Corazza e a artista Laura Duben

Arredor da cultura e da arraigada tradición do viño en Valdeorras xira a temática do gran mural no que traballa dende o 19 de setembro en Vilamartín o mestre escultor arxentino Carlos Moreyra. Esta obra forma parte do obradoiro de muralismo que imparte na zona do Bañadoiro e no que tamén participan o profesor Leonardo Corazza, a escultora Laura Duben e as valdeorresas Carina Rodríguez e Carmen Álvarez.

Na elaboración deste mural, no que se usa a técnica do esgrafiado con cemento de diferentes cores, empréganse diversos materiais como a arxila e a lousa. Nestas imaxes poden verse diferentes momentos da realización do mural e tamén ao alcalde de Vilamartín, Enrique Barreiro (na última foto da galería) achegando pezas de lousa a Carlos Moreyra.

Esta é a segunda actividade que desenvolve en Valdeorras este prestixioso creador arxentino, tras o espectáculo “El barro y yo”, que tiña lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco o 14 de setembro. Nos vindeiros días continuará con novos obradoiros en Valdeorras, en Trives e tamén na cidade de Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button