En portadaÚltima hora

Ata oito lumes na provincia en situación de nivel 2 por proximidade a poboacións

Hai 19 incendios activos (de máis de 20 hectáreas), 3 estabilizados e 7 controlados, segundo a última información feita pública por Medio Rural
Incendio no municipio de Parada de Sil./ Foto: Brif Laza.

A provincia de Ourense continúa a ser unha das máis afectadas polas chamas nestas últimas horas. Así se reflexa nos datos que se veñen de facer públicos dende a Consellería do Medio Rural. Así ás 13:30h. de hoxe a provincia rexistraba un total de 19 incendios activos que superaban as 20 hectáreas, dos cales en oito se ten decretado a situación 2 pola proximidade das chamas ás poboacións. É o caso de Albarellos (Boborás), da Gudiña, Paradellas (Parada de Sil), Oseira (San Cristovo de Cea), Betán (Baños de Molgas), Chaveán (Chandrexa de Queixa), Cantoña (Paderne de Allariz) e Araúxo (Lobios).

Están asemade activos os lumes en Rebordechau (Vilar de Barrio), Coiras (Piñor), Melón, Santiso e Castro de Escuadro (Maceda), Pensos (Esgos); Marrubio, Gabín e Covas (Montederramo), A Gudiña e Parada da Serra.

 

Lume na Gudiña./ Foto: Carlos G. Hervella.

Quedaron estabilizados os lumes de Chaguazoso e Veiga de Camba no concello de Vilariño de Conso e o de Cerdeira (San Xoán de Río). Ademais están controlados os de Osoño (Vilardevós), Sabuguido e Castiñeira (Vilariño de Conso), Vilamarín, Cantoña (Paderne de Allariz), Queixa (Chandrexa de Queixa) e Río Caldo (Lobios).

 

Dende Medio Rural tamén se asegura que “a situación meteorolóxica que se está a experimentar en Galicia no día de hoxe está a complicar a actuación dos medios aéreos nos incendios rexistrados na nosa comunidade. Os principais problemas viñeron dados por un manto de nubes moi baixo, que sumado á concentración de fume provocado pola excepcional vaga de lumes rexistrada na fin de semana, están a complicar os labores de extinción. Sen embargo, malia as dificultades, hai xa seis helicópteros traballando en diferentes incendios, que comezaron a actuar a partir das 13:00 horas, aproximadamente”.

 

Artigos relacionados

Back to top button