CulturaCulturaÚltima hora

Os achegados de Casares falan do autor no documental “Contando a Casares”

O Teatro Principal de Ourense acolleu a estrea deste documental, obra do director Gonzalo E. Veloso

O Teatro Principal de Ourense foi o escenario elixido para a estrea hoxe, 23 de maio, do documental “Contando a Casares”. Unha peza do director Gonzalo E. Veloso na que xuntou a “diferentes persoas que formaron parte da vida de casares e as puxen a falar”, contou. En total son 28 os protagonistas da cinta que, por parellas, falan desa faciana “non só literaria de casares”, dixo Veloso no acto de presentación de hoxe, senón tamén da súa parte familiar, como político, editor… Asemade, explicou que non lle fixo preguntas aos intervintes, “simplemente deixei que falasen e contasen”.

Gonzalo E. Veloso e o seu equipo puxéronse a traballar nesta peza cando tiveron coñecemento de que Casares sería o homenaxeado nas Letras Galegas.

En definitiva, “Contando a casares” fai unha viaxe pola vida do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2017 a través dos seus achegados. Neste acto tamén estiveron presentes diversas personalidades políticas. Entre elas, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que tamén interveu salientando a habilidade que Casares tiña “para falar ben de Galicia” e concluíu asegurando que “non hai palabras para agradecerlle todo o que fixo pola cultura e a lingua galegas. Galicia débelle moito a Casares”, dixo.

Tamén estiveron presentes, nesta estrea, membros da súa familia, como o seu irmán Xabier Casares, e o seu fillo, Häkan Casares, que se sentiu agradecido ás institucións “por facer esta homenaxe”. Häkan Casares lembrou a afección que o seu pai tiña co cine: “facía os seus vídeos caseiros, pero tamén fixo un documental de vinte minutos sobre a Revolución dos Caraveis en Portugal”. Pero o que máis emoción e solemnidade deulle a velada foi a seguinte frase que pronunciou: “para min non foi o Día das Letras Galegas, para mi foi o día, é o ano -enfatizou- do meu pai”.

Todos estes intervintes, incluído o presidente da Deputación, entidade promotora do documental, foron presentados polo autor Luis González Tosar, amigo íntimo de Carlos Casares.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button