En portadaÚltima hora

Os afectados polas xeadas reuniranse, finalmente, coa Conselleira a próxima semana

 Logo de manifestarse na capital, os sindicatos labregos reuníronse coa delegada da Xunta, Marisol Díaz, e acordaron dita xuntanza
Á manifestación acudiron afectados procedentes de diferentes puntos da provincia. // Foto: Carlos G. Hervella.

As xentes do rural ourensán afectadas polas xeadas dos últimos meses continúan as súas protestas reclamando ás administracións axudas directas ás colleitas afectadas. Hoxe, 23 de maio, foi a quenda de manifestarse na capital, Ourense, tras as tractoradas que se fixeron en Viana- A Gudiña e Ribadavia. Segundo a organización, case 1.500 persoas acudiron á manifestación, mentres que as forzas de seguridade cifraron en non máis de 500 asistentes. Iso si, todas as organizacións agrarias estiveron presentes: Sindicato Labrego Galego, Federación Rural Galega, Unións Agrarias, Asociacións de Viticultores do Ribeiro, produtores de Monterrei e da Ribeira Sacra, tanto ourensá como lucense. En total, 18 autobuses trasladáronse até a capital, segundo a organización.

A manifestación concluíu na sede da Xunta en Ourense, onde varios representantes sindicais, tras facer un minuto de silencio polos atentados de Mánchester, tiveron a oportunidade de reunirse coa delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, quen lles trasladou que a semana próxima establecerían unha xuntanza, en Ourense, coa conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, para trasladarlles as súas inquedanzas.

Os manifestantes secundaron o minuto de silencio polas vítimas de Manchester convocado polas institucións. // Foto: Carlos G. Hervella.

Pero ao inicio, grupo citouse ante o Pavillón dos Remedios cara ás once da mañá. As cornetas e o folión de Viana foron os encargados de meter ruído para pedir solucións xa que, segundo dixo o Secretario Xeral de Unións Agrarias de Galicia, Roberto García, “as solucións que nos ofrecen son insultantes para a intelixencia humana”. Esas solucións, dixo, son créditos nos que a Xunta asumiría os intereses pero “a un empregado de Citroën en Vigo que queda en paro o que se lle fai e pagarlle unha prestación pública por desemprego”, dixo, “non ofrecerlle un crédito, e iso é o que nós queremos, axuda”. Segundo declarou “este ano vamos a poñer en risco a máis de 2.000 persoas sen ingresos e obrigarlles a que teñan que abandonar a actividade”.

E, como ben lembrou o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García, non só os viticultores foron os afectados polas xeadas, xa que os gandeiros e os apicultores da provincia tamén se viron afectados. É o caso de Tania Salgado, unha apicultora de 35 anos que leva tres no gremio: “estamos alimentando cando tiñamos que estar pondo as alzas dos panais”, asegurou. Esto débese a que “as xeadas arrasaron cos castiñeiros e cos carballos, aínda que esperamos que recuperen”. Esta apicultora salientou que non é capaz de cifrar as perdas que isto lle pode supor.

O folión de Viana foi o encargado de marcar o ritmo da manifestación.// Foto: Carlos G. Hervella.

Outro rapaz gandeiro, Alejandro Herrera, tamén cualificou de “crítica” a súa situación: “non imos recoller herba ningunha, hai que ter en conta que nós pasamos de coller 1.000 roios de herba a non recoller nada”, lamentou. Asemade pasará coa castaña: “de recoller miles de quilos, pasamos a non recoller nada”. Estes dous casos son só dous, pero hai moitos mozos e mozas do rural que están pensando en abandonar a súa actividade e “nós o que queremos é vivir do noso traballo, vivir do campo e nos están botando”, dixo un viticultor de Beade, David Rodríguez.

Á manifestación tamén se sumaron os parlamentarios no Parlamento de Galicia, Noa Presas (BNG) e Davide Rodríguez (En Marea). Ambos os dous coincidiron en que “os seguros non se axustan á realidade do campo galego”. De feito Davide Rodríguez pronunciouse en contra de Feijóo: “dixo que estamos na lexislatura do Medio Rural e vemos que é unha cortina de fume”. O BNG levará unha moción sobre este tema ao Parlamento de Galicia e “a apoiaremos”, dixo.

A manifestación continou baixo os berros de “Feijóo, escoita, o agro está en loita” ata rematar na sede da Xunta. Alí leron un manifesto moi similar ao das outras manifestacións de Viana e Ribadavia, no que solicitaban axudas directas e condonacións de cotas á Seguridade Social. Este manifesto foi remitido, posteriormente, ao Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.

Texto: Carlos Asensio.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información sobre a manifestación aquí

 

Artigos relacionados

Back to top button