EconomíaEconomía

Os alumnos dos obradoiros de emprego “Xin-Bal” e “Río Arnoia” da Xunta reciben os seus diplomas

A delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, sinalou a aposta do Gobnerno galego en plans de formación para incrementar a inserción no mercado laboral

Os alumnos dos obradoiros de emprego “Xin-Bal”, que promoveu os concellos de Xinzo e Baltar; e “Río Arnoia”, promovido por Cartelle, Ramirás e A Merca, celebraron hoxe, 24 de marzo, o acto de clausura dos mesmos coa entrega de diplomas correspondente de mans da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. No acto, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, “incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes”. Neste caso, o alumnado participante terá a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego como albanel e xardineiro.

A máxima representante da Xunta en Ourense salientou que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade”, e neste senso indicou que unha das prioridades do Goberno galego son as de “mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, ofrecéndolles unha formación vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional”, como é o caso destes obradoiros. Cada unha destas iniciativas de emprego contaron cun investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 180.000 euros.

O alumnado de “Xin-Bal”durante estes meses dedicouse ao mantemento, revalorización e conservación ambiental nos parques de Xinzo de Limia da Devesa, Pombal, Seara, Galicia, Antioquía e zonas verdes do parque empresarial, infoman dende a Xunta. Polo que respecta ao municipio de Baltar, as actuacións consistiron na reparación do muro no cemiterio de San Paio, reparación de beirarrúas nos lugares de Tixós, San Paio e Baltar, así como o acondicionamento do centro de día, do velorio e da Casa do Concello.

Pola súa parte, os alumnos e alumnas do obradoiro “Río Arnoia” fixeron a rehabilitación da antiga escola de Freás de Eiras, no concello de Ramirás; limparon e rehabilitaron fontes e lavadoiros públicos así como parques infantís e zonas verdes do municipio de Cartelle; e, por último, executaron a rehabilitación na área de Forxás das Vilas-Portelas, limparon de maleza e rehabilitaron muros e barandas, e melloraron a rotonda do enlace na autovía, a contorna do centro social, piscina municipal, campo da feira, vivendas sociais, escola infantil, campo de fútbol e parques biosaudables, todo isto no concello da Merca.

Nova convocatoria

Díaz Mouteira subliñou que recentemente saíu publicado no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego ordinarios á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior.

Ademais, a representante do Goberno galego en Ourense explicou que este ano se inclúen diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción.

Ademais, ampliarase a duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button