OurenseÚltima hora

Os alumnos do IES de Arzúa agochan libros de Casares pola cidade

Os estudantes chegaron á Estación do Empalme grazas ao programa “O tren que me leva”, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística

A Estación do Empalme de Ourense acolleu hoxe, 18 de maio, uns viaxeiros moi especiais procedentes do IES de Arzúa, encargados de divulgar as obras de Carlos Casares, homenaxeado no entre os viaxeiros. Segundo explicou un dos alumnos participantes nesta actividade, o obxectivo de deixar os libros pola cidade é proporcionar “unha bomba de felicidade”, asegurou que os deixarían en sitios clave “para que sexa unha sorpresa para que a xente os colla”. En total distribuíron 90 libros en puntos estratéxicos da cidade; “Vento Ferido”, “Ilustrísima”, “O sol do verán” e “Os mortos daquel verán”, foron os títulos das obras de Casares que os cidadáns atoparíanse neses lugares clave.

Esta actividade, titulada “O tren que me leva” segue os pasos de Carlos Casares e, por iso, os alumnos seguiron a Afonso Vázquez-Monxardín, investigador e creador do Roteiro de Carlos Casares na cidade de Ourense. Da súa man puideron coñecer, por unha banda, a presenza da cidade das Burgas na literatura do homenaxeado nas Letras Galegas 2017 e, por outro lado, gozar dos encantos da capital. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, dixo durante o recibimento na Estación do Empalme que espera que eles “sexades os novos embaixadores de Ourense, tal e como foi casares no seu tempo”, e deulles a benvida a “gozar da Capital Cultural de Galicia”. No acto tamén estivo a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e o xerente de Servizo Público de Galicia de Renfe, José Enrique Fonte.

“O tren que me leva” é un proxecto de dinamización lingüística que fai a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Renfe Viaxeiros e Adif en colaboración coa Fundación Carlos Casares, Leite Noso (Deleite) e da Editorial Galaxia. O obxectivo é dinamizar o uso da lingua galega entre os máis mozos, posto que os últimos datos amosan que a lingua de Rosalía tivo unha forte decaída no seu uso por parte dos máis mozos no ámbito cotián.

O propio secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que esta acción “amosa as posibilidades que ofrece a colaboración de entidades de distinto signo a prol da nosa lingua e a importancia que ten estender a defensa do idioma propio de Galicia como parte da responsabilidade social empresarial e máis aló dos foros estritamente intelectuais, tal como preconizou Carlos Casares”.

Pola súa banda, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, falou da afección que tiña Casares polos trens “era coleccionista, tiña maquetas na casa” e reiterou que “estaría moi contento de que fagamos esta actividade”. Galaxia colaborou neste evento proporcionando os libros que os rapaces ían distribuír pola cidade.

Pero a actividade non rematou co roteiro e a distribución de libros na cidade. De volta ás súas casas, os viaxeiros do IES Arzúa foron os primeiros en ver os repousacabezas coa imaxe institucional do Día das Letras Galegas, que estarán durante un mes á vista dos usuarios de 11 trens de alta velocidade dos corredores A Coruña- Santiago- Vigo e A Coruña- Santiago- Ourense.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button