CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Os Bolechas e Casares fusiónanse nun libro para transmitir o galego aos cativos

O libro presentouse hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel na compaña dos rapaces da ludoteca Ganeda e dos propios personaxes creados por Pepe Carreiro

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” recibiu a visita hoxe, 26 de xullo, dos rapaces da ludoteca Ganeda, de Ourense, para xogar coas personaxes dos Bolechas. Esta invitación deuse xa que a Editorial Bolanda vén de sacar unha nova colección dedicada a Carlos Casares, o autor ourensán homenaxeado nas Letras Galegas 2017. Baixo o título “As miñas primeiras letras galegas”, estes libros pretenden “difundir entre os máis novos a figura de Carlos Casares”, destacou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a presentación. Canda el, estivo tamén o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, que animou aos rapaces aí presentes “a falar na nosa lingua”. Tamén estivo o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a representante da Fundación Carlos Casares, Lara Bacelo; o editor de Edicións Bolanda, Antonio Couto, e o director comercial de Caixa Rural Galega, José Manuel González.

Neste senso, o presidente da RAG falou deste libro como unha obra “para ler os nenos, pero que tamén llas lean os cativos aos maiores” e Lara Bacelo subscribiu as palabras de Freixanes apuntando que “con esta obra vemos o claro obxectivo que tiña Carlos Casares de achegarse, coa súa escrita, a todas as idades”.

Segundo explicou Antonio Couto, esta colección de libros dará a coñecer aos máis cativos os persoeiros aos que se lle ten dedicado o Día das Letras Galegas. Para iso, o autor Pepe Carreiro, baseouse en “Vento Ferido”, un dos títulos da obra de Casares, para facer unha historia de amor entre un neno galego e unha rapaza francesa trapecista que chega á vila co circo, de aí que se titule “A rapaza do circo”. Neste traballo, o lector descubrirá que é a personaxe ao tempo que goza dunha aventura típica dos Bolechas.

Pero esta colección abrangue títulos protagonizados polas figuras de Rosalía , Curros, Ánxel Fole Pondal ou Manuel María, incluíndo unha breve biografía do autor homenaxeado en cada libro e un repaso polas súas obras.

Tamén nesta presentación, o presidente do executivo provincial, Manuel Baltar, anuncioulles aos cativos que dende a Deputación están a colaborar con Edicións Bolanda “para abrir en Ourense o Museo dos Bolechas” e tamén anunciaron que, dentro de pouco, Xinzo de Limia acollerá o “Museo do Tren de Casares”.

Ao rematares as intervencións, todos os rapaces alí presentes recibiron un exemplar do libro e puideron xogar e pasalo ben cos seus amigos Os Bolechas.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button