ConcellosÚltima hora

Os Bolechas percorrerán as comarcas ourensás

Vén de editarse un conto no que visitan esta provincia e a partir do 11 de abril iniciarán no Barco un percorrido por ela
Algúns dos personaxes dos Bolechas.
Algúns dos personaxes dos Bolechas.

“Os Bolechas van a Ourense” é o título dun conto no que estes populares personaxes creados por Pepe Carreño visitan esta provincia galega. Esta publicación, da que se editaron 17.000 unidades, presentábase o 29 de marzo no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos).

Este conto narra as aventuras dos irmáns no aniversario da súa curmá, Ying, que celebran en Manzaneda. Cando están todos na mesa para soprar as candeas, Ying recorda que ten moitas amigas e amigos ourensáns e quere que estén na súa festa, así que marcha a buscalos nun microbús co que percorre toda a provincia recollendo os amigos, que a agasallan con produtos típicos das súas zonas. A festa de aniversario de Ying vai ser suculenta.

Trátase do primeiro libro no que estes personaxes se centran nunha provincia, Ourense, unha iniciativa que, segundo explicaba o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no acto “ten como obxectivo que o público infantil coñeza a riqueza natural, patrimonial e cultural que ofrece a provincia ourensá, a través da nosa lingua”.

Presentación do libro  "Os Bolechas van a Ourense" en San Pedro de Rocas (Esgos).
Presentación do libro
“Os Bolechas van a Ourense” en San Pedro de Rocas (Esgos).

Ademais a edición do libro complétase cunha xira que levará a Os Bolechas corpóreos, e ao seu autobús de dous pisos, ao longo da provincia para que os nenos poidan mergullarse no “Universo Bolechas”.A xira iniciarase o sábado, 11 de abril, no Barco de Valdeorras e continuará o domingo 12 en Trives, o luns 13 en Verín, o martes 14 en Xinzo de Limia, o mércores 15 en Bande, o xoves 16 en Celanova, o venres 17 en Ourense e o sábado 18 no Carballiño, para rematar o domingo 19 de abril en Ribadavia.

En todas as comarcas os cativos que se acheguen á caravana Bolechas levarán gratis o conto sobre Ourense e poderán gozar de multitude de propostas totalmente gratuítas, desde obradoiros de debuxo ata ludoteca con xogos para divertirse e aprender cos Bolechas, así como material para manualidades, libros e ordenadores onde acceder a xogos e actividades. Tamén estará dispoñible o karaoke e a sala de cine do autobús, dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas.

Artigos relacionados

Back to top button