CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Os cadros coloristas e abstractos de Carina, no bar 4 Camiños da Rúa

As pinturas, de diferentes dimensións, poderán verse ata mediados do mes de setembro

Un mosaico de cores e formas cubre estos días as paredes do bar 4 Camiños da Rúa. Son unha decena de cadros de diferentes dimensións, obra de Carina Rodríguez, unha afeccionada que non pode deixar de pintar. Para ela, máis que unha afección a pintura “é unha vocación” que mantén a ratos, os que lle deixan os seus tres fillos, o traballo e a casa, pero que desfruta esquecéndose dos agobios e recargando as pilas “é unha forma de desconectar”, asegura.

Veciña da Rúa con orixes no Bolo, Carina tiña apenas 14 anos cando colleu o primeiro óleo e dende entón xa non o deixou. Agora pinta un pouco de todo pero o seu sempre foi un estilo moi colorista e abstracto. “Ou gusta ou non gusta, non hai termos medios”, asegura a artista cuxa obra destaca pola mestura de cores e formas caprichosas que fan voar a imaxinación. “Parto dun lenzo en branco e das cores básicas na paleta e a partires de aí, vounas engadindo e mesturando conforme mo vai pedindo o cadro, ata que el mesmo me di que xa está. É unha sensación e, ás veces, tamén me paso coa cor e teño que deixalo e retomalo máis tarde e incluso partir de cero”, asegura.

Desfruta tanto da pintura e dos seus cadros que lle custa desfacerse deles, de feito non están á venda (polo menos de momento) pero si lle gusta que a xente os vexa. “Gustaríame facer algo, non sei, unha exposición nunha galería,…”. De momento, parte da súa obra, esa “explosión de cor” pode verse no 4 Camiños, un local que se presta para iso e no que locen moito, no que ao tempo que tomas un café ou unha copa, podes gozar da arte.

Os cadros, que permanecerán expostos ata mediados de setembro, son basicamente óleos sobre lenzo aínda que hai algún sobre papel ou sobre fotografía (técnica mixta), e mesmo con mestura de materiais (como a corda) e tamén hai algún figurativo, pero moi poucos “as obras van xurdindo conforme mesturo as cores”, conclúe.

Pode gustar ou non pero o estilo de Carina é difícil de esquecer e facilmente recoñecible.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button