DeportesÚltima hora

Os campionatos galegos de atletismo e milla ao aire libre, este sábado no Campus de Ourense

A pista de atletismo do Campus de Ourense acollerá, este sábado 25, do VI Trofeo Club Deportivo Aurum e no que terán lugar, entre outras probas, os campionatos galegos de atletismo dos 10.000 metros e da milla en categorías masculina e feminina, tanto na modalidade individual coma por equipos. As probas, presentadas na mañá do 23 de Marzo no salón de plenos do Concello de Ourense, son un indicio de que a cidade “conta con boas instalacións deportivas”, segundo dixo o alcalde da capital, Jesús Vázquez, pero tamén “con xente con iniciativa e con paixón polo deporte”, dixo. Serán 260 os deportistas os que compitan nas diferentes categorías, desde benxamín até sénior.

“Ourense converterase na capital galega do atletismo de fondo por un día”, comentaba o presidente do Club Deportido Aurum, Eladio Gómez, xa que ten “as mellores condicións posibles para os atletas e a oportunidade de realizar marcas”. Unha afirmación que foi apoiada polo vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez: “Unha xoia que poñemos a disposición do público e abrimos á cidade”.

Dentro xa da materia deportiva, os campionatos contarán con recoñecidos nomes da modalidade: Ariadna González e Rubén Diz (protagonista do cartel) nos 10.000 metros son as esperanzas ourensás na proba, sen esquecer as posibilidades de Sandra Mosquera (ADAS) ou Ana Ocampo, Alejo Ares ou Damián Anta. Segundo salientou Ángel Fidalgo, delegado da Federación Galega de Atletismo en Ourense, os atletas ourensáns contan con moitas posibilidades en todas as categorías, máxime logo das máis de 30 medallas acadadas nos últimos campionatos.

Case 1.000 licencias

Actualmente hai máis de 930 licenzas federativas en Ourense, sendo un 20% máis as de categoría feminina que as de masculina. Un éxito que se debe, dixo o Delegado da Federación Galega de Atletismo de Ourense, Ángel Fidalgo , “á boa disposición das administracións cedendo espazos axeitados para adestrar”. A construción da futura pista cuberta de atletismo en Expourense non fará outra cousa que aumentar esta boa relación de Ourense co atletismo, comentou.

Cartel da proba.

Artigos relacionados

Back to top button